Os veciños dunha parroquia de Rois impulsan a restauración dun retablo da súa igrexa

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

A peza, que non é moi común, data da segunda metade do século XVIII e estaba en pésimo estado

08 jun 2018 . Actualizado ás 09:00 h.

A Asociación Veciños de Sanamede de Rois promove a restauración do retablo da Virxe dos Dolores da igrexa parroquial de San Mamede, que presentaba un «estado de conservación lamentable», coa perdas de elementos decorativos, «grave ataque de insectos xilófagos, faltas de policromía, repintes xeralizados e humidades», entre outros danos.

Así o explican desde a empresa encargada dos traballos, Artegal Restauracións, con sede en Silleda, desde a que tamén destacan que o retablo non é unha peza común. O custo da restauración ascende a 30.000 euros, financiados na súa maioría polos veciños da parroquia a través de doazóns voluntarias. O Arcebispado achega o 10 % do orzamento e a Asociación Veciños de Sanamede ten solicitada unha subvención á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), enmarcada na promoción do medio rural. Tamén ten solicitada unha reunión na Dirección Xeral de Patrimonio.

Así mesmo, a obra conta coa colaboración económica de empresarios da zona, aos que a asociación agradece o seu apoio, así como a todos os veciños que fixeron a súa achega. Os que non o fixeron, aínda están a tempo de axudar, segundo engaden desde o colectivo de veciños.

Durante os traballos, que se prolongarán uns tres meses, a igrexa parroquial permanecerá aberta, para que os veciños poidan ver como se realiza a restauración das pezas, unha vez desmontadas do seu lugar.

Da rehabilitación encárganse os técnicos Carlota López, Begoña Freire e Fernando Gago. A primeira explica que se trata dun retablo da segunda metade do século XVIII e que é «moi singular» porque non hai moitas coa súa tipoloxía e ten os anxos representados con todos os instrumentos da Paixón. Ademais, ten cortinas e grandes, a diferenza doutros retablo barrocos, de modo que ocupan practicamente todo o fondo da peza, tallada en madeira de castiñeiro.

No ano 1889 sufriu un cambio importante, por «gusto estético», segundo a restauradora, de modo que se modificou a súa policromía (agora trátase de recuperar a orixinal) e vestíronse os anxos, que estaban espidos, e mesmo parece que foron mutilados por un «tema de pudor».

A peza corría perigo de desprenderse, ao estar a madeira moi comida polos insectos xilófagos. A empresa Artegal xa se encargou da restauración de dous retablos na igrexa de Iria-Flavia e do da capela de Bandín.