Yago Iglesias : «En días como este é unha gozada ser adestrador»

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

«Ver a tribuna e preferencia aplaudindo e animando non ten prezo», subliñou

20 may 2018 . Actualizado ás 23:44 h.

Loxicamente, a Yago Iglesias gustoulle un resultado máis favorable para encarar a volta, pero acabou sumamente satisfeito co traballo dos seus discípulos e co ambiente que transpiró San Lázaro.

Empezou por valorar o aplicado que estivo o equipo á hora de interpretar o plan de partido: «Vendo o que fixera este rival na súa competición doméstica, tras analizalo ben e saber que ten un potencial enorme a nivel individual, e despois de estudar ben os seus mecanismos de xogo, a nosa formulación era de manexar dous rexistros. Primeiro, cando non tivésemos balón, ben porque non o queriamos ou porque o rival nos ía a obrigar a estar sen el, había que xuntarse e traballar. Eses foron os primeiros 20 ou 25 minutos. Non nos xeraron ningunha ocasión de gol, salvo un tiro afastado».

Superado o arranque, empezou a cambiar o guion: «Nos últimos minutos da primeira parte creo que damos un pasito adiante, intentamos circular máis a pelota. Sobre todo, vemos que con dous cambios de orientación de Tomás podemos chegar por zonas laterais. Na segunda parte damos a outra versión, a de querer a pelota e intentar ser o Compos ao que máis acostumada está a xente. Aí veñen as nosas mellores ocasións. As tres que temos son moi claras».

Falou tamén do empurre da bancada: «O mellor é ver como responde San Lázaro cando este equipo dá un paso adiante e ese paso non é ter a pelota, senón non sentirse inferior a ninguén. Non se o que vai pasar en Barcelona. O que si sei é que o equipo respondeu que dá xenio. En días como este é unha gozada ser adestrador. O único que podo darlles é o parabén polo traballo que fixeron. O Compos deu un paso adiante en canto a madurez, a demostrar que non se amedrenta ante ninguén».

O técnico abundou na súa reflexión: «Isto non se vai a esquecer. Mirar a preferencia e a tribuna, vela a lume de biqueira, aplaudindo, animando, é algo que non ten prezo. Para isto levamos traballando todo o ano e para isto o club leva cunha idea e unha filosofía desde o ano pasado. Estou orgullosísimo do meu equipo».

Mensaxe optimista

Lanzou unha mensaxe «optimista» despois do visto no partido de ida, «coa sensación de que o coco da categoría vaise de aquí con vida». E incidiu na entrega e o bo facer do Compos: «En días como hoxe é unha gozada ver como rende o equipo, como xogadores dun perfil de violinistas, que lles gusta ter a pelota, que combinan, asócianse e demais, collen e din agora imos meternos atrás e a defender. Non se o que vai pasar en Barcelona. Pero ver correr detrás da pelota a xente como Tomás, Álex Ares, Róber, é digno de encomiar».