A cuarta edición da SantYaGo10K reserva 50 dorsais para peregrinos

LA VOZ SANTIAGO

DEPORTES

cedida

A carreira celebrarase o 28 de abril

11 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A cuarta edición da carreira SantYaGo10K Peregrina reservará 50 dorsais para que os peregrinos que cheguen a Santiago nos días previos ou no mesmo día da proba teñan a oportunidade de participar. Poderán realizar a súa inscrición no posto que habilitará a organización na praza do Obradoiro o día da carreira, que será o 28 de abril.

Esta cuarta edición comezará ás dez da noite en San Francisco e os corredores empezarán a chegar á meta a partir das dez e media, despois de percorrer un circuíto de 10 quilómetros homologado pola Federación Española de Atletismo. Deste xeito, todas as marcas serán válidas para competicións oficiais.

Neste momento, a carreira xa conta con preto de 500 atletas inscritos. O obxectivo dos organizadores é chegar aos 2.000 participantes como sucedeu nas anteriores edicións.

Para esta edición sinaláronse dous prazos de inscrición. O primeiro será ata o 15 de abril, cun prezo de 7 euros. O segundo, ata o 22 de abril, cun prezo de 15 euros. Os socios do Multiusos Fontes do Sar e de Santa Isabel terán un prezo especial de 5 euros se se inscriben presencialmente antes do día 23.