Tellado: «Os que queren que Feijoo marche son os da oposición»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

SANTIAGO

David Cabezón (PPdeG)

O secretario do PPdeG cre que se fala da sucesión «porque Galicia vai ben»

19 ene 2018 . Actualizado ás 14:23 h.

Por máis que o PPdeG trata de pór o foco nas municipais do próximo ano, a sucesión de Feijoo volveu centrar por cuarto día consecutivo a atención dos medios. Esta vez foi o secretario xeral dos populares galegos o que asegurou que será un debate que se abrirá «no momento que toque, que dende logo non é este». O discurso de Tellado mantén a liña oficial de que o presidente da Xunta ten un compromiso cos galegos que dura ata o 2020 «e estamos cumprindo cos nosos obxectivos», e evitou falar de «futuribles» ante unha pregunta sobre unha hipotética chamada de Mariano Rajoy para facerlle un oco no seu Goberno a Feijoo. «Cada un dende a súa responsabilidade pode defender un proxecto común e a forma de servir a España de Feijoo é ser presidente de la Xunta», sostivo o dirixente popular antes de asegurar que os que teñen auténtico interese en que «marche a Madrid» son os partidos da oposición «porque nunca conseguiron gañarlle as eleccións. Xa lle gustaría ao señor Villares que Feijoo non fose o noso líder». Máis reflexivo, Tellado considerou que se o seu partido ten moito traballo por diante e que se agora se fala destas cuestións é porque Galicia superou as dificultades «e vai ben», e así cre que é así porque todo o mundo reivindica a Feijoo «para responsabilidades maiores».

O secretario xeral compareceu ante os medios tras unha reunión do comité de cidades do PPdeG que analizou a actualidade das urbes galegas e anunciou que mañá sábado se vai a celebrar unha xunta directiva popular galega nun hotel compostelán para celebrar os doce anos desde que Núñez Feijoo se fixo coas rendas do partido, sucedendo a Fraga e converténdose en candidato á Xunta tres anos antes das eleccións.