A maior reforma de San Caetano empeza en marzo e durará un ano

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

JANET GONZALEZ VALDES

Hoxe apróbase a rehabilitación do centro administrativo máis grande de Galicia

03 novs 2017 . Actualizado ás 00:17 h.

Xa tocaba. O complexo administrativo de San Caetano cumpriu como tal trinta anos de servizo, e máis aló das ampliacións e reformas puntuais nunca recibiu unha renovación integral. Hoxe mesmo está previsto que o Consello da Xunta autorice a contratación das obras e a próxima semana así quedará reflectido no Diario Oficial de Galicia. É un pico o que anda en xogo, porque o Goberno habilitou unha partida de 7,3 millóns de euros, sin duda un dos grandes contratos públicos destinados a rehabilitación en Santiago.

Os traballos requirirán meses de andamiaje, porque un dos obxectivos é mellorar as capacidades térmicas das fachadas para optimizar a eficiencia enerxética. Se se cumpren os prazos iniciais, a trasfega de obreiros e material comezará no mes de marzo, e a optimista idea da Xunta é que todo estea finalizado uns dez meses máis tarde. Ademais da reposición estética de muros exteriores e interiores, o groso da partida destinarase á substitución de carpinterías e vidros, aínda que tamén se incluirá un proxecto para mellorar a climatización e cambiar boa parte da iluminación por tecnoloxía LED.

Con estas actuacións, a Administración autonómica confía en recuperar parte do investimento ao reducir a factura enerxética, un obxectivo para o que resulta estratéxico o cambio da antiga caldeira diésel por unha de biomasa, que se puxo en marcha hai menos dun ano.

Polas dúas entradas de San Caetano entran a diario dous mil traballadores públicos, o que converte ao complexo no segundo centro laboral de Santiago tras o Clínico. E cada xornada entran unha media de cincocentas persoas que van facer xestións aos distintos departamentos de atención ao público. Aínda que a tendencia é que os servizos presenciais vaian cedendo terreo aos telemáticos, o certo é que nos próximos anos incorporaranse uns mil empregados máis que abandonarán as oficinas alugadas que a Xunta ten pola cidade -gasta 2,5 millóns ao ano en toda Galicia- para acomodarse no denominado San Caetano 2, que ocupará o espazo da estación de autobuses cando esta vaia ao lado da do ferrocarril.