Lanzan un artefacto explosivo contra a residencia do presidente da Xunta e contra caixeiros automáticos de Santiago

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Os vándalos apenas causaron danos en Monte Pío, pero si nas instalacións bancarias

17 oct 2017 . Actualizado ás 13:59 h.

A Policía Nacional busca aos autores dunha serie de actos vandálicos que se rexistraron esta madrugada en Santiago.

Sobre as cinco da mañá, un individuo lanzou un artefacto explosivo contra o muro da residencia oficial do presidente da Xunta, aínda que apenas causou danos nas instalacións de Monte Pío.

Posteriormente suponse que a mesma persoa se desprazou ao centro da cidade e provocou desfeitas en tres caixeiros automáticos, un na esquina entre Santiago de Chile e A Rosa e outro en San Pedro de Mezonzo.

A Policía Nacional non descarta ningunha hipótese, pero non ten probas de momento que lle permitan relacionar os feitos coa multitudinaria manifestación que houbo onte en Santiago polos incendios que arrasaron Galicia. Tampouco se descartan outras vías de investigación, xa que os atentados contra os caixeiros automáticos eran habituais hai anos, cando os reivindicaban grupos independentistas que levaban tempo sen actuar.

O Concello de Santiago mostrou a súa repulsa contra estes feitos e o alcalde, Martiño Noriega, xa se puxo en contacto co presidente da Xunta para trasladarlle o seu malestar polo ocorrido.

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, tamén manifestou o seu «rexeitamento» polo ocorrido.