Os puntos por posesión

Fran Camba

SANTIAGO

16 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Obra tiña unha complicada tarefa onte no Palau. Para empezar, necesitaba impor o número de posesións ao que se xogaría o partido. O Barcelona viña de gozar de 77 posesións por encontro en Liga ACB mentres que o Obra non chegaba a 68, e para dificultar aínda máis a posibilidade de vitoria os cataláns lograban acabar as súas posesións en lanzamento un 90 % das veces mentres que o Obra só acadaba o 84 % nesta faceta. Unha das vías máis rápidas para compensar este desequilibrio apuntábaa Moncho na previa: «Mellorar e ser moi duros no rebote», limitar o número de balóns perdidos e aumentar ese 84 % de posesións que finalizan en tiro, sobre todo neste inicio de tempada no que o equipo atesoura 1,08 puntos por tiro de campo. O Obra cumpriu neste aspecto, concedeu unicamente 73 posesións en contra e 66 tiros de campo, a pesar de ser un número demasiado alto tivo ao seu favor 74 posesións e 63 tiros. Por aí todo equilibrado, pero ante un acerto de case 1,40 puntos por tiro como o do Barcelona onte, froito de situacións defensivas demasiado favorables para o rival e da tremenda superioridade física, hai pouco que facer, e menos aínda se o Obra queda case na metade, 0,74 puntos por tiro, cifra absolutamente insuficiente para poder gañar un partido nesta liga.