Galicia tivo un verán seco, con choivas un 27 % inferiores á media

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

MARCOS MÍGUEZ

A temperatura de xuño foi 1,6 graos superior ao normal, segundo Meteogalicia

19 sep 2017 . Actualizado ás 18:15 h.

Empezou moi cálido e foi descendendo, pero o balance do verán galego, aínda que a moitos lles sorprenda, é dunha estación seca e cálida. Iso si, xuño foi o mes que rexistrou unhas temperaturas máis atípicas respecto da media, mentres que en xullo e agosto foron proporcionalmente máis baixas. 

En conxunto a media do verán foi de 20 graos, algo superior ao normal, cunhas precipitacións de 82 litros por metro cadrado, o que supón que choveu un 27 % menos que a media. Cruz Ferreira, directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta, explicou no balance realizado por Meteogalicia que en xuño a temperatura media acadou os 19,3 graos, 1,6 máis do normal, con xornadas tremendamente cálidas, como as dos días 16 ou 21. En xullo a calor foi máis acorde ao histórico deste mes, só 0,6 graos máis; mentres que en agosto, con 20,3 graos de temperatura media, situouse 0,4 graos por amais . 

E aínda que a estación foi máis seca do normal e agosto tamén, os fenómenos tormentosos deste último mes e a gota frío dos últimos días deixaron unha sensación agridoce deste período vacacional. E é que entre o 27 e o 29 de agosto rexistráronse choivas torrenciais, saraiba e máis de dez mil raios nunha soa xornada. 

Aínda que é unha previsión moi incipiente, a directora xeral afirmou que o outono que se achega será inestable, con niveis de choiva e temperatura normais para esta estación, que poderían chegar a 417 litros por metro cadrado e unha temperatura media de 14,5 graos.