Os pais galegos teñen axudas de ata 3.700 euros para reducir a súa xornada laboral polo coidado dos seus fillos

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

PEPA LOSADA

O 90 % das excedencias para atender a menores solicítanas as mulleres

19 may 2017 . Actualizado ás 14:12 h.

Coidar aos fillos e conciliar parece que segue sendo tarefa das nais. Polo menos iso desprenden as cifras. Nove de cada dez excedencias para atender a menores pídenas as mulleres, coas consecuencias que iso trae na súa traxectoria laboral e na futura pensión de xubilación. Reverter esta tendencia é difícil e necesítanse incentivos. Como as axudas de Igualdade para os pais que reducen xornada para coidar aos seus fillos. A Xunta destina 440.000 euros a esta medida, o mesmo importe que o ano pasado, dirixida a pais e familias monoparentais. As axudas oscilan entre os 1.700 e os 3.700 euros por un máximo de oito meses, en función do número de fillos e da porcentaxe de redución do tempo laboral.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, sinalaba na presentación desta convocatoria que todos os anos se esgota o crédito destinado a esta partida. No 2016 foron 157 homes e 55 mulleres (monoparentais) os beneficiados, e a cifra anual foi similar nos últimos anos, aínda que no 2014 experimentouse un pico de 177 pais. A convocatoria presentada abarca as reducións solicitadas entre o 1 de maio do 2016 e o 31 de maio do 2017.