A conferencia do «youtuber» David Cale e os talleres de robótica de Rapaciños acadan un éxito de participación

Margarita Mosteiro Miguel
Marga mosteiro SANTIAGO / A VOZDATA / AXENCIA

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O experto en tecnoloxías da comunicación logrou 110 millóns de visitas

07 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A presenza do «youtuber» David Cale, seleccionado como un dos dez mellores profesores do mundo segundo o concurso Global Teacher Prize, na terceira edición de Rapaciños (iniciativa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), espertou o interese dun centenar de persoas. Non defraudou no seu relatorio o creador da canle Unicoos, de YouTube. David Cale recoñeceu os 110 millóns de visitas que recibe a súa canle educativa supoñen «unha gran honra, pero tamén moita responsabilidade». Aínda que os centos de mozos que aprenden matemáticas, física e química coas súas clases atribúenlle o seu éxito ás súas explicacións, Rúa cre que «non é xusto». «Encantaríame asumilos, pero se aproban é porque traballaron duro e porque os seus profesores fixeron cousas importantes con eles. Claro que, cando quedan dous días para o exame e xorden mil dubidas, todos din que lles salvei a vida. O mérito non é meu», recalcou.

Defendeu Rúa que as novas tecnoloxías ofrecen unha oportunidade ao ensino: «Non deben verse como un inimigo». Na súa opinión, o feito de que os rapaces ocupen gran parte do seu tempo nas redes sociais debería aproveitarse para facerlles chegar os contidos educativos por medio desas canles. Rúa cre os adultos «temos que ser conscientes de que a nova xeración non ten nada que ver coa nosa. Somos nós os que temos que adaptarnos a eles, e non ao revés». Unha das claves do éxito das súas explicacións é precisamente a paixón e a enerxía que transmite en cada unha das súas leccións, e que os alumnos captan. David Cale apostilou que o ensino español ten que recuperar «a enerxía e a paixón, porque a de profesor é a profesión máis bonita. Temos unha responsabilidade marabillosa, e os profesores que, por culpa da falta de recursos e por ter alumnos desmotivados, perderon a enerxía e a motivación, teñen que buscar medios para volver recuperar esa forza», alentou.

En Rapaciños tamén se desenvolveron varios talleres de robótica, coa participación de 80 nenos entre os 8 e os 14 anos de idade, que aprenderon e divertíronse coas novas tecnoloxías.