Concentración ante os xulgados polo xuízo aos doce okupas da Sala Yago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Para a maioría dos acusados piden 18 meses de prisión

13 mares 2017 . Actualizado ás 10:11 h.

Este luns terá lugar fronte aos xulgados de Santiago unha concentración con motivo do xuízo contra 12 persoas por okupar no 2011 a Sala Yago. Baixo o lema «Eu tamén estiven na Sala Yago», desenvolverase este acto a partir das 9 horas fronte ao edificio de Fontiñas. Segundo informou Europa Press, nela, os participantes defenderán os espazos autogestionados e solidarizaranse cos acusados. O xuízo contra estas 12 persoas quedou suspendido o pasado mes de outubro debido á renuncia dunha das avogadas que representaba a varios dos acusados, en esencia polo seu desacordo coa liña de defensa que pretendían seguir os patrocinados. O xuízo quedou fixado para as 9.30 horas. 

Penas de 18 meses

Os doce acusados enfróntanse á petición de 18 meses de prisión por un delito de usurpación de inmobles, é dicir, pola ocupación do edificio. Ademais, para dous deles, M. P. F e I. B. Ou., pídense a outros tres anos de prisión por suposta tenencia ilícita de explosivos cando foron desaloxados pola policía do emblemático edificio da Rúa do Vilar -que segue sen uso público- co que estarían pendentes dunha pena de ata catro anos e medio.

Un dos procesados, para o que se pide unha pena de 18 meses de cárcere, é Adrián Mosquera Pazos, alias Senlheiro, que está condenado desde o 2014 a sete anos de prisión por gardar explosivos supostamente de Resistencia Galega, aínda que foi absolto de pertencer a este grupo declarado «terrorista» pola Audiencia Nacional no ano 2013.