Tras-Ril-San quere repetir a carreira pola doazón de órganos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A asociación de pacientes está satisfeita co resultado, aínda que agardaba unha maior participación

03 oct 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A asociación de pacientes renais e trasplantados Tras-Ril-San xuntou a 170 participantes, que se inscribiron para participar onte nunha carreira, no Campus Vida. Pilar Fernández, a súa presidenta, valoraba o resultado como satisfactorio e aseguraba que «isto anima para repetir e facer outra máis concorrida». Confiaban nunha maior participación, aínda que entende que cumpriron o obxectivo, porque distribuíron información para promocionar a doazón de órganos para trasplantar a numerosas persoas.

Pedro Nimo apadriñou e acompañou a proba. Tamén asinou camisetas, con mensaxes como Moitas grazas pola túa axuda e cariño. Xuntos podemos con todo. Case un centenar de atletas, con presenza de varios clubs de atletismo de Santiago e municipios próximos, finalizaron o percorrido. Oscilou entre 500 metros para os máis pequenos e case 5 quilómetros na categoría absoluta.

Japi Baamonde Arufe foi o gañador absoluto e Nuria Ponte Blanco , a primeira muller na categoría de adultos. As categorías escolares agrupáronse en dúas, con Lucas Soto Fontenla vencedor na distancia máis longa e Lucas Pena Carracedo, na de atletas de menor idade. Entre quen entraron na meta estaba o concelleiro Agustín Hernández. Jesús Silva representou á Federación Galega de Atletismo e resaltou a boa organización.

Tras-Ril-San fundouse en Santiago hai 21 anos. Esta carreira inicia unha nova etapa, na que pretende ter un maior impacto na sociedade compostelá, tras o falecemento do seu fundador. A asociación empeza agora xa a traballar para a reunión de pacientes, familiares e sanitarios que organiza anualmente no mes de maio.