De 3.500 pacientes de Galicia a quen non lles funcionan os riles case a metade hanse trasplantado

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A I Xornada de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia destaca en Santiago o servizo público da serie televisiva Urxencia Cero para promocionar a doazón de órganos

17 abr 2016 . Actualizado ás 00:44 h.

De 3.536 persoas que precisaban o último ano en Galicia tratamento renal sustitutorio, por non funcionarlles os seus riñoñes, case a metade, 1.729, recibiran un transplante. Ademais, 1.541 asistían a tratamento con hemodiálisis e 267 a diálese peritoneal. Os datos facilitounos o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na inauguración das I Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal que organiza a Federación Alcer (Asociacións de Loita contra a Enfermidade Renal) de Galicia. No acto interviñeron ademais Concha Fernández, edila de Políticas Sociais e Diversidade de Santiago; Cándido Díaz, xefe do servizo de Nefrología do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael Rodríguez, presidente da Federación Alcer Galicia; e Jesús Molinuevo, presidente da federación estatal de Alcer. Máis de 150 persoas apuntáronse para participar e informarse de novidades para mellorar o seu tratamento e calidade de vida.

Nas sesións, que se prolongan ata última hora da tarde, promociónase a doazón de órganos. Para facelo destácase o servizo público da serie televisiva Urxencia Cero. En concreto celébrase unha mesa redonda na que participan Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual; a actriz Paula Morado; o coordinador de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), Antón Fernández; e Marta Álvarez, da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia.

Tamén se promociona nesta xornada a hemodiálisis domiciliaria portable, unha nova forma de tratamento renal sustitutivo que de momento só utilizan nove pacientes renais en Galicia, e que se amplía en hospitais da comunidade. Para quen está indicada, presenta importantes vantaxes, sobre todo a comodidade, ao poder realizar a diálese no domicilio e en menos tempo, pois o tratamento dura unhas dúas horas e media. Esta tarde está previsto que unha das persoas que xa o utilizan realice unha demostración práctica no exterior do edificio docente Novoa Santos (xunto ao Hospital Clínico).