Un estudo galego abre a porta a cambiar o enfoque das terapias do alzhéimer

redacción LA VOZ

SOCIEDADE

UDC

Identificou unha das proteínas relacionadas coa enfermidade na sustancia branca do cerebro, que se erixe como novo biomarcador de evolución dos pacientes

16 oct 2021 . Actualizado ás 18:45 h.

O alzhéimer, o principal trastorno neurodegenerativo, é unha das enfermidades máis complexas que existen e sobre a que aínda existen moitas interrogantes. Aínda que si se sabe que a enfermidade está relacionada con depósitos anómalos no cerebro dos pacientes de dúas proteínas, a tau e a beta amiloide. Só que ata agora se cría que esta alteración que impide o correcto funcionamento das neuronas ocorría exclusivamente na materia gris do cerebro, cara a onde se dirixen na actualidade as potenciais terapias para tratar a doenza. Agora, un novo estudo liderado por investigadores do Cimus da Universidade de Santiago e do IDIS, en colaboración co clínico compostelán, analizou a proteína amiloide na sustancia branca cerebral, co que esta se converte nun novo biomarcador do avance da enfermidade.

A investigación, que se publicou na revista científica European Journal of Nuclear Medicine and Molecular Imaging, é a primeira destas características que se realizou a nivel mundial na materia branca do cerebro. É dicir, é a primeira vez que se analiza a proteína amiloide nesta sustancia cerebral, converténdoa nun novo biomarcador asociado ao avance clínico desta enfermidade.

«Ata agora todas as investigacións se centraban en medir os depósitos de proteína amiloide na materia gris do cerebro, obviando a materia branca. Este traballo abre, xa que logo, a porta a un novo biomarcador de seguimento da enfermidade e mesmo a cambiar o foco das actuais terapias, que se enfocan a reducir o amiloide na sustancia gris e que fracasaron a maioría de elas», explica o investigador Pablo Aguiar.

Este estudo é un traballo derivado da tese de Alexis Moscoso, finalizada o ano pasado. A investigación permitiu comprobar concretamente que os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro están relacionados coa progresión clínica do alzhéimer.

Para levalo a cabo contaron cunha mostra de 795 participantes. «O amplo tamaño da mostra é xusto unha fortaleza do estudo, xa que nos permite cubrir todo o espectro da enfermidade», sinala Aguiar. Para poder analizar os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro dos pacientes utilizouse a técnica por imaxe PET (tomografía por emisión de positrones) como ferramenta central de traballo.

Estes escáneres realizáronse en numerosos países de todo o mundo, coordinados desde Estados Unidos, sendo a base de traballo para esta investigación que analizou os datos referidos a cada un deles durante un seguimento de máis de cinco anos. «As probas realizáronse en estado basal dos pacientes para poder dispor de datos lonxitudinais da evolución da enfermidade. A través destas probas puidemos comprobar como os pacientes que presentaban proteína amiloide na materia branca do cerebro eran os que cognitivamente evolucionaban peor», indica o investigador.

As dúas materias do cerebro

O tecido chamado materia gris presente no cerebro, e na medula espinal, coñécese tamén como sustancia gris e está composto por corpos de células neuronais. Coñécese por este nome porque os núcleos que compoñen as neuronas fan que adquira unha tonalidade desta cor cando se analiza o cerebro. Está implicado en funcións como o control muscular, a fala, as emocións, a toma de decisións ou a memoria.

Pola súa banda a materia branca está composta por fibras nerviosas. Coñécese por este nome porque a mielina dos axones das súas neuronas fai que adquira esta cor cando se analiza o cerebro. Está situada entre a sustancia gris, o corpo estriado e a parte media do cerebro e o seu principal papel dentro do sistema nervioso central é a comunicación máis que o procesamiento, aínda que tamén se encarga de regular funcións inconscientes como a temperatura corporal, a fame, a sede, a presión sanguínea e o ritmo cardíaco.