Francia executa o plan perfecto

Os galos alcanzan a final cun gol de Umtiti, un Griezmann imperial e unha actuación coral

.

Francia disputará a terceira final dunha Copa do Mundo da súa historia. Nun partido inmenso executou o plan perfecto para desfacerse da temida Bélxica. Fíxoo marcando de estratexia cun actor inesperado no medio de tanto talento como Umtiti, marcando os tempos do partido da man dun Griezmann con mando en praza no centro do campo e dun traballo coral que permitiu ver a Giroud cortar balóns na frontal. Un compás que Hazard, o mellor dos belgas, non puido sortear nin cando Roberto Martínez buscou desde as bandas un centro lateral que rachase as costuras do rival. Imposible.

Poida que o partido tivese menos fútbol do que anunciaba semellante cartel, pero a contenda foi unha delicia. Os diaños vermellos abandonaron o seu atrevemento para reforzar a liña defensiva cun cuarto elemento, pero o debuxo de pouco serve cando o instinto vai por diante. Con Hazard ao mando, Bélxica comezou metendo en apertos aos galos a base de centros a niveis de chan e ao corazón da área, aínda que a maior ocasión a asinou Alderweireld cun obús á media volta que levou a Lloris a facer unha das paradas do Mundial.

Francia non se sufocou. Aguantou coas liñas moi xuntas e atrasou a Griezmann ata o medio campo para disparar a contra. Foi unha xogada mestra de Deschamps, porque cada vez que saían, os galos voaban.

Pero ademais, a posición e as accións do Principiño cargaron de valentía aos seus escudeiros, que deron un paso á fronte, comezaron a tocar e acabaron o primeiro tempo en campo contrario con Mbappé, Giroud e o propio Antoine avisando. Incluso Pavard, o lateral dereito, gozou dun un contra un con Courtois do que saíu gañador o belga.

O seleccionador ilerdense dos diaños vermellos subiu a liña do seu equipo á volta do vestiario, pero o seu plan sufriu unha labazada descomunal a balón parado. Na primeira chegada bleu Griezmann foise ao banderín de córner, meteu o balón ao pico da área pequena e adiantándose ás torres belgas emerxeu Umtiti para marcar cun certeiro cabezazo. Unha vez máis, a pelota parada marcaba tendencia no Mundial.

E a favor de obra Francia foi un equipo de vídeo para as escolas de fútbol, con tan só dous descoidos na interminable media hora final: os centros laterais de Mertens cando entrou no campo e un par de pelotazos sen sentido que permitiron aos belgas unha secuencia de ataques continuados.

Todo o demais foi un exercicio soberbio de como gardar un gol con sete chaves. Os centrais estiveron imperiais no xogo aéreo, Kanté e Pogba varrérono todo, Giroud e Mbappé transformáronse en defensas e Griezmann deu unha clase práctico do que significa pausa no mundo do fútbol. Un plan que incluso lle puido reportar o segundo gol á contra, especialmente nun remate de Tolisso que desviou Courtois.

Os homes de xeo galos nin se inmutaron cos seis minutos de engadido, concedendo un centro e grazas a unha Bélxica que terá que seguir esperando pola súa primeira final despois de ter asinado un Mundial soberbio levándose por diante á mesmísima Brasil. Foi valente, elixiu o lado duro do cadro e na penúltima estación atopouse todo o máis parecido ao equipo perfecto que habita en Rusia.

Votación
3 votos
Comentarios

Francia executa o plan perfecto