Mascherano e dez máis

José Luis Losa

RUSIA 2018

ALEXANDER NEMENOV | AFP

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha das últimas decisións importantes que debeu de tomar Néstor Kirchner antes de falecer no outono de 2010 foi a de manter a Maradona como seleccionador para Sudáfrica. Operáronlle da carótida, foi sometido a unha angioplastia. E entón o líder peronista apostou por Maradona. Os Kirchner vivían o clímax do o seu esplendor populista, Cristina acababa de ascender aos altares do poder. E pese ao quilombo da fase de clasificación ás ordes dun Diego desencadeado, o 10 era innegociable para o pobo. Xa en Sudáfrica, Maradona desatou o seu látigo contra Messi. Non chegou a atreverse a primar a Tévez sobre Leo ?e é que Tévez era tamén «o dianteiro do pobo»? pero si dedicou moitas perlas ao astro blaugrana. A mellor pronunciouna cando lle preguntaron cal sería a base do seu equipo. «Mascherano e dez máis», sentenciou. Tivo tanta fortuna ese desprezo elíptico cara a Messi que anos máis tarde Maradona repetiríaa cando Arxentina perdeu contra Alemaña a final do Brasil 2014.

Onte, con alguén tan exquisito como Sampaoli no banco, fente a IslandiaArgentina volveu ser ?e máis que nunca? Mascherano e dez máis. Todos os balóns pasaban polo Jefecito como jurásico conducator. Ata xa entrada a segunda parte, Sampaoli non deu paso a Banega. Con el, a visible mellora non acadou, entre outras cousas porque mentres Messi se dirixía afligido a tirar o seu penalcito na súa mente ruxía o eco dubitativo da Arxentina profunda, a que segue achacándolle que non volva co Mundial da man de Deus ou de Evita.

Maradona, nun palco, apuraba o seu puro e simulaba entristecerse mentres preparaba os seus dardos na belixerante Tee Sur. Xa non tiña importancia que para os policías rusos pasase por un indocumentado sen acceso ao partido de inauguración. Á fin e ao cabo, el sempre foi un outsider. Iso si, recente compañeiro de viaxe de Putin, quen xa lle buscou colocación multimillonaria co seu cuñado bielorruso no Dinamo de Brest. Onde Mascherano sempre terá praza como Beckenbauer vitalicio do Río da Prata.