Rubiales envía a Lopetegui a Madrid

M.G Reigosa

RUSIA 2018

Javier Etxezarreta | EFE

O presidente da federación optou pola cirurxía para tratar de conter o cisma de Krasnodar despois de que se anunciase o compromiso do seleccionador co club branco

14 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A concentración da selección española en terras rusas era un mar en calma desde o minuto uno, apenas asomaban pequenas ondas polo empate fronte a Suíza e a apurada vitoria ante Tunisia. E, de súpeto, aquel niño de tranquilidade deveu en gatuperio, nunha mestura de incredulidade, asombro e tensións por obra e graza da fichaxe de Julen Lopetegui polo Real Madrid, sen encomendarse a Deus nin ao diaño, só a Florentino Pérez, subrepticiamente.

Esa manobra, coñecida polo novo presidente da Federación Española en Moscova cando os feitos estaban xa consumados e poucos minutos antes de que fosen oficializados, activou a panca da destitución. Pasaron apenas vinte horas desde que se decatou ata que confirmou a sentenza do adeus forzado. Xa na transición do martes ao mércores empezaron a soar tambores de defenestración.

Longa noite

Foi unha noite longa, complicada, ata decidirse por unha das dúas únicas saídas: a conservadora, a do laissez faire et laissez passer, lle monde vai de lui même, ou a drástica, a de fin da historia, sen sequera conceder marxe á opción de morra o conto que requirise un acordo para a despedida. Entre os panxoliñas e a cirurxía optou pola solución cirúrxica, a propósito de que calquera que fose o camiño elixido habería acendidas opinións a favor e en contra. O cisma estaba servido, os debates desatados, con ameaza de desconcerto.

O que se barruntaba como unha comparecencia de prensa conxunta acabou en presenza única do presidente, quen apuntou aos malos xeitos como detonante da drástica resolución: «Vímonos obrigados a prescindir do seleccionador nacional. Ten que haber unha mensaxe clara para todos os traballadores da Federación de que hai unhas formas de actuar que hai que cumprir».

Abundou na mesma liña argumental sen deixar de recoñecer a capacitación do técnico: «Sempre dixen que o mellor para levar a selección é Lopetegui. O seu traballo foi impecable. Admiro moito a Julen e respéctolle moito. Paréceme un adestrador top e iso, obviamente, fai máis difícil tomar a decisión. Sen dúbida, na RFEF gañar é moi importante, ter aos mellores, pero por amais diso está como se fan as cousas. Agora é un momento no que pode parecer que hai unha tremenda debilidade, pero co tempo farémonos fortes. Estou seguro».

Confirmou que recibira un par de chamadas cinco minutos antes de que o Real Madrid anunciase o acordo con Lopetegui, do que non tiña nin sospeitas. E esa forma de proceder, de Florentino Pérez e Julen Lopetegui, desencadeou a crise.

O mandatario evitou ser explícito respecto da reunión que mantivo cos capitáns do combinado nacional, que avogaban pola continuidade do técnico no cargo. Na súa intervención en comparecencia de prensa, decantouse por pasar páxina e apelar á unidade do vestiario para tratar de facer un bo campionato do mundo.

Tampouco se estendeu sobre unha das consecuencias da destitución, que previsiblemente aforrará ao Real Madrid o abono da cláusula prevista para a rescisión do contrato xa que é a federación a que opta por rompelo unilateralmente: «O dos dous millóns pasa a un segundo ou un terceiro lugar, aínda sendo unha cantidade moi importante. Hai outras cuestións, outros valores que temos que transmitir, e nese sentido actuamos en conciencia e con toda a responsabilidade».

Non hai precedentes dun episodio tan singular. Se seica, por buscar paralelismos forzados de seleccións que afrontaron con éxito momentos delicados ou inesperados, habería que remontarse á Italia do 2006 (gañou o Mundial de Francia, ao que chegou envolvida no escándalo de favores arbitrais no Calcio) e a Dinamarca en 1992 (gañou unha Eurocopa para a que non se clasificou, recrutada a última hora pola expulsión de Iugoslavia).