Filólogos, sociólogos e profesores: e se tivesen saída laboral na intelixencia artificial?

REDE

Pixabay

A IA demanda equipos mixtos en proxectos a gran escala e centros de investigación. Aquelas profesións con máis problemas para incorporarse ao mercado poderían atopar o seu oco na tecnoloxía. As ofertas son poucas, pero xa existen

13 oct 2023 . Actualizado ás 12:49 h.

É a perfecta comuñón entre unha profesión á que non lle faltan ofertas de traballo e outras que sempre aparecen nas listas como as máis difíciles en canto a colocación. E se filólogos ou sociólogos fosen necesarios naquelas empresas que teñan como eixo a intelixencia artificial? Os expertos veno como algo de futuro, pero os portais de emprego están a apuntar xa que estas ofertas laborais existen. Así o di Infojobs nun dos seus últimos informes de datos. Desde a plataforma aseguran que teñen na súa listaxe de ofertas postos vacantes que requiren filólogos, profesores de diferentes idiomas ou avogados. Basean estes datos en que as novas tecnoloxías están a pór en valor a capacidade de pensar de forma crítica e achegar perspectiva humana e ética, «o que brinda grandes oportunidades laborais a profesións relacionadas coa educación, a ética e o dereito». Trátase da existencia de equipos mixtos, é dicir, tecnólogos que se encarguen da programación, pero tamén de profesionais con coñecementos humanistas en filoloxía e lingüística -«para axudar ás máquinas a xestionar a linguaxe de forma correcta»- e en lexislación ou ética «para garantir os dereitos e o correcto uso».

Desde a Universidade da Coruña confirman que todo isto ten lóxica, que é real, pero que en todo caso e, polo momento, soa máis a futuro e a grandes proxectos. A demanda destes profesionais «é agora mesmo residual». «Está claro que a IA demandará profesionais de moitos tipos, pero nunha porcentaxe menor. O papel do tecnólogo é o ponderante na demanda, está claro, e iso non vai cambiar. Si é certo que están a aparecer novos perfís, mesmo dentro dos tecnólogos. Perfís que non existían e agora si. As persoas que estean formadas en dereito, filoloxía, psicoloxía ou sociología, si é certo que apareceron como opcións, pero agora mesmo en España as oportunidades son poucas», explica Bertha Guijarro, coordinadora do Grao en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña que arrincaba no ano 2022. 

Para que?

«Os filólogos serán moi útiles para desenvolver os sistemas de linguaxe natural. Os economistas para interpretar os informes que nos devolvan sistemas de intelixencia artificial que analicen datos. O que creo é que estes perfís profesionais nas empresas pequenas non os van a ter», di Guijarro que, polo momento, asocia esta incorporación laboral a grandes empresas ou mesmo contornas investigadores. Un deles non pode estar máis de actualidade. Trátase da Aesia -Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial- que vai recalar na Coruña e converter a Galicia nun dos referentes tecnolóxicos de España. «Sería un exemplo onde terían cabida eses perfís, pero é que é un tipo de organismo moi específico, que se move case no ámbito da investigación. Neste caso van falar de problemas futuribles. Neste tipo de institucións, en centros de investigación ou empresas moi grandes que fagan desarollo de produto si estarán. Os profesionais do dereito están ante un panorama diferente. Eles, coas novas tecnoloxías, xa se han ir formando en problemas que antes non existían, como é o caso das redes sociais», comenta Guijarro, que foi unha das primeiras egresadas da facultade de Elviña, onde estivo á fronte do centro de investigación TIC, o Citic, e agora é a coordinadora deste grao de Intelixencia Artificial. Tamén está de actualidade unha das grandes revolucións ligadas á materia, ChatGPT. «Iso é sin duda IA, un dos grandes avances do ano. Outra cousa é que aínda teña capacidade de mellora, pero si é certo que queda moita labora pedagóxica para explicarlle á xente as posibilidades da intelixencia artificial».

Ante a primeira promoción

El Grado de Intelixencia Artificial da UDC está a dar os seus primeiros pasos, pero coa vocación de que o camiño dos seus alumnos sexa cada vez máis práctico. A formación é dual e as empresas chaman constantemente á súa porta. Agora teñen a formación que desde hai anos, na Facultade de Informática, detectaran que poría unha pica no futuro. «Xa nos pasou co Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos, do que aínda sae a primeira promoción este ano e está un pouco relacionado coa intelixencia artificial. As empresas enseguida sumáronse ao carro. Agora, con este grao en IA, cada vez que teño unha reunión con alguén e mencionámolo, sempre nos din: 'contade connosco'. É certo que, polo momento, interésanlles perfís da parte de analítica de datos, a parte de aprendizaxe automática... para as outras ramas da materia é posible que nos custe un pouco máis atopar empresas da nosa contorna». Polo momento, hai grandes nomes interesados, como Indra, NTTData, Cinfo, Altia ou Imatia. «A necesidade tamén se vai a ir creando. Cando teñan a posibilidade de ir contando con profesionais que se vaian formando, tamén verán a posibilidade de cousas que agora as compañas non fan porque aínda non os teñen». 

A demanda actual

As ofertas de emprego vinculadas coa intelixencia artificial incrementáronse un 31 % no 2022 con respecto ao ano anterior. Segundo os datos de Infojobs, chegouse ás 1.500 ofertas no mercado dixital español, cifras que relacionan directamente coa IA. «A intelixencia artificial pode supor toda unha revolución para as empresas, achegando solucións innovadoras capaces de modificar a forma de traballar e xestionar os seus recursos», explica a directora de Comunicación e Estudos da firma, Mónica Pérez. 

Con esta perspectiva, Galicia comeza a carreira en primeira liña de saída. «O grao está pensado para que sexa moi práctico. O noso obxectivo é dar ese tipo de docencia no sentido de que aprendan as tecnoloxías últimas, pero que xa estean suficientemente maduras. O bo que temos é que, nas especialidades que imos ter, temos a sorte de cubrir todas as ramas da IA porque temos grupos de investigación que fai moito que se dedican a iso».

Os postos que máis solicitaron as compañas neste último ano, segundo Infojobs, son os enxeñeiros en IA, annotation analyst, data scientist, investigadores ou programadores en visión artificial e doutores, técnicos e consultores en intelixencia artificial. 

De entre todas as empresas sobresae Apple, que ofrece a maioría dos seus postos en Barcelona e para desenvolvemento de Siri. Por localidades, Madrid (403) e Barcelona (398) son as que concentran maior número de publicacións, aínda que tamén destacan Valencia, Sevilla ou Bilbao.