Como cobrar antes as facturas pendentes

REDE

Cedida

A plataforma galega Inversa Invoice Market creou un mercado no que as pemes ofertan a débeda aínda non ingresada e os investidores poden comprala a cambio dunha rendibilidade

24 dic 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Un total de 15 millóns de euros financiados en apenas tres anos de vida e unha comunidade de usuarios integrada por máis de 1.300 empresas e investidores. Inversa Invoice Market, a plataforma de financiamento alternativo e investimento ético creado en Galicia que conecta a pemes e investidores particulares tanto en España como en varios países europeos, acaba de marcar un fito na súa curta traxectoria. Eses quince millóns de euros financiados axudaron a máis dun centenar de pequenas e medianas empresas de toda clase de sectores a obter liquidez para os seus negocios. Inversa Invoice Market aterrou en España unha ferramenta de financiamento que ten moito éxito nos países do norte de Europa. Moi especialmente no Reino Unido, onde este mercado acadou xa cotas de madurez moi relevantes.

A operativa da plataforma é moi sinxela e apóiase nunha ferramenta tecnolóxica de última xeración desenvolvida polo equipo técnico da compaña. Unha peme ofrece unha factura que vai cobrar a curto prazo (30, 60 ou 90 días, dependendo do prazo fixado co seu cliente) e investidores particulares achegan capital ata completar o importe da factura. Que reciben a cambio? Unha rendibilidade previamente fixada en función do valor crediticio do debedor. «E o que é máis importante —destaca Atilano Martínez, CEO de Inversa-— a certeza de que están a investir en proxectos da economía real. O éxito de Inversa radica nunha idea tan simple como atractiva: persoas investindo en persoas». Para as pemes, Inversa é un aliado estratéxico porque axuda a diversificar as vías de financiamento. Ofrece unha posibilidade de xestionar o circulante dunha forma eficaz, moi áxil e complementaria ademais do crédito bancario, que con frecuencia resulta máis lento e caro que a alternativa da plataforma galega. Desde que Inversa Invoice Market botou a andar fai tres anos xestionou máis de 2.500 facturas de empresas de multitude de sectores: administracións públicas, conserveiras, construtoras, firmas de reparación naval, embalaxes, farmacia, téxtil...

A rendibilidade media das facturas está no 7%, unha cifra moi relevante tendo en conta da tendencia de tipos baixos acumulada ao longo dos últimos tempos. O intenso traballo despregado polo equipo de Inversa tivo impacto na internacionalización da marca, que conta hoxe con investidores de toda Europa que rastrexan a diario a súa plataforma. Pero non só iso. A ferramenta deu entrada paralelamente en todo este tempo a facturas españolas, portuguesas, alemás, francesas, italianas, suízas... Ata chinesas. Todas elas, con tipos de entre o 4 %e o 10 %.

«Apoiamos a economía real do país favorecendo a actividade exportadora dos nosos clientes», apunta Martínez. No éxito e crecemento da compaña galega tamén pesou, e moito, a decidida aposta tecnolóxica realizada nestes anos. A empresa conta hoxe cunha plataforma de investimento propio, desenvolvida polos seus equipos e a axuda estratéxica de socios especializados como Data Spartan en áreas tan relevantes como a intelixencia artificial. A plataforma é extremadamente áxil na súa resposta e permite aos investidores non só automatizar determinados procesos do investimento, senón ademais ter baixo o seu control en todo momento a información relativa ás operacións.

Movementos

Neste sentido, Inversa realizou grandes esforzos para democratizar o acceso ao universo do investimento ético e é posible operar na plataforma desde 20 euros. Non obstante, a confianza dos investidores non parou de crecer desde o nacemento do proxecto e o investimento medio está xa preto dos 4.000 euros por cada persoa. Pola parte das pemes, esta mesma confianza percorreu nestes tres anos unha senda moi similar. O importe medio das facturas que levan a Inversa está hoxe nos 6.000 euros, pero a plataforma xa chegou a financiar algunha de máis de 200.000 euros. Moitas delas contan ademais cun seguro de crédito para minimizar o risco. Un aval que reforzou a solvencia e prestixio de Inversa entre a comunidade investidora. Un proxecto, en definitiva, que debuxa esoutra Galicia que vén, na vangarda, e cada vez máis tecnolóxica.