Monitorización

Martiña Ferreira Noivo

Ao SOL

31 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A aplicación no móbil comunica as súas conclusións, froito de cálculos irrefutables: hoxe, día 1 do teu ciclo. Será outra derrota no afán de aproveitar o pouco que queda da miña -nunca contrastada- fertilidade?

Onte apareceu unha mancha rosada no anaco de papel co que me limpei no baño. Anguriada, busquei o seu significado na Internet. Pode ser o sangrado que causa a implantación do embrión, lin. Pode ser que che vai baixar a regra, lin tamén. O único que puiden facer foi apuntar o síntoma na miña aplicación e seguir a agardar, nerviosa. Esculco o meu corpo, a miña faciana, no espello, buscando sinais nun sentido ou noutro. A pel está lisa, sen indicios de grans. Apalpo cos dedos o pescozo, detrás das orellas, repaso o nacemento do pelo, na procura deses vultiños de acne que invariablemente anuncian a baixada dos niveis de proxesterona e a inminencia da catástrofe. Non parece haber nada. Alivio.

Concéntrome en percibir a actividade das miñas vísceras. Todo semella tranquilo, ningunha sensación fai temer que o meu útero estea inquedo e desexe desfacerse do seu recubrimento de tecido glandular e capiares. Os peitos. Seguen firmes e túrxidos, como agardando algún acontecemento? Seguen. Aperto nese punto que sempre molesta, para confirmar que esa dor que puntualmente desaparece xusto antes da regra segue aí. De momento, todo ben. Anoto sen esquecer un detalle toda a información na miña aplicación, pequeno libro de bitácora dixital dos meus ciclos ováricos. Comparo os datos cos de períodos anteriores. Si, este mes parece diferente, hai agoiros esperanzadores…

O meu día transcorre así. Cada pouco, tocando disimuladamente os peitos para asegurarme de que seguen cheos. Revisando que non me sae ningún gran. Que ningún dos meus órganos se rebela. Pasan as horas, todo segue ben, igual desta vez…

Unha aguilloada no baixo ventre. O sinal irrefutable. Non serve de nada facer como que non o notei. Xa non hai nada que agardar, así que anoto cumpridora na aplicación. Dor: cólicos. Sangrado: lixeiro. Estado de ánimo: triste.

Martiña Ferreira Noivo. Consultora. 43 anos. Vigo.