O valor dun sacho

María Francisca Rodríguez Cabanas

Ao SOL

30 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A simple vista non ten gran aprecio. Un pouco ferro, un mango de madeira... e nada máis. Na Galicia rural os nenos aprendían dos máis vellos e gustaban de traballar na terra como eles.

Unha mamá xove e un neno de sete anos foron á feira. A nai comprou un raño e o neno namorouse dun pequeno sacho que tamén estaba á venda. Naqueles tempos era costume que os pais deixaran ós nenos cultivar un recuncho da horta. Imitando a pais e avós e valorando as cousas e a vida dos labregos, aprendendo, ademais, un oficio que moitos herdarían.

Aquela mamá foise facendo maior. Sempre lle gustou o campo e a xente que nel traballa. Aquel neno xa non está e os pais, xa vellos e con poucas forzas, aínda van á horta. A nai, co sacho nunha man e un pau na outra, vaille sacando as malas herbas ás plantas.

Con 90 anos séntese útil e feliz. Nestes tempos difíciles acórdase moito da xente maior das residencias. Do mal que o pasaron e dos moitos que morreron sen que ninguén lles tendera unha man. Séntese privilexiada. O seu sacho non é máxico pero con el pode ordenar e gobernar todo o universo. O universo da súa horta.

María Francisca Rodríguez Cabanas. Xubilada. 90 anos. O Ourovello.