Pícnic

Silvia Rodríguez Coadas RELATO

Ao SOL

31 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Era un espléndido venres de outono, con esa fermosa luz que caracteriza a esta estación e a tranquilidade que deixa o regreso dos veraneantes aos seus traballos. «¡Que paz e que beleza!», atreveuse a pensar no alto Julia sen medo a que algún paseante a tomase por tola ao estar a falar soa. Tras ter pasado uns meses recuperándose dunha operación e posterior quimio, asomándose xa o pelo novo e forte na súa cabeza, daba grazas, todos os días, por estar viva. Canto se queixou, antes da enfermidade, polo que agora lle parecían bobadas. Cada segundo neste mundo gozábao cunha intensidade que moitos envexarían.

O bosque polo que paseaba ofrecíalle unha paleta de cores que se lle antollaba extraordinaria. Camiñando, viu a unha parella namorada que, pola súa aparencia, gozaba dun paseo tras a súa xornada laboral. El ía de traxe escuro e gravata e ela vestía unha alegre saia tableada de seda de cor laranxa e unha blusa branca cinguida ao corpo. Un moño alto dáballe un aire sofisticado. Rían e bicaban continuamente. «Serían amantes e adúlteros ou serían parella legal?». Que retorta era, isto non o arranxou a súa grave enfermidade. Aínda que sufrira moitos desamores, non debía pensar que o verdadeiro amor non existía. Rifouse a si mesma e refugou a teoría do adulterio.

Ao cruzarse con eles deulles os bos días sorrindo e eles devolvéronlle o sorriso e o saúdo ao unísono, tal era o grao de compenetración. Notou unha pequena punzada de envexa no seu corazón -envexa sa, consolouse-, e seguiu camiñando pola arboleda. A temperatura era tépeda, cálida e unha agradable brisa acariñáballe o rostro. De novo, experimentou placidez no seu espírito.

Ao regreso, volveu ver á parella. Esta vez, el tombado sen moverse e ela, divertida, facéndolle fotografías ao rostro moi de preto. Non quixo mirar máis para non invadir a súa intimidade e proseguiu cara a onde aparcara o coche. ¡Que bo intre pasara, a vida era realmente bela!

Á mañá seguinte, a prensa recollía a noticia en portada: «Homicidio sanguento. Aparece nun bosque o cadáver dun home degolado, vestido con traxe e gravata, aínda sen identificar».

Silvia Rodríguez Coadas, codirectora do pazo da Saleta, 49 anos, Meis.