Mutatio

Estela Sande López RELATO

Ao SOL

31 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Este ano a cea de Nadal da AEFE (Asociación de Equinos Famosos e Extraordinarios) fora moi animada. Alí estaban todos: Rocinante, Babieca, Bucéfalo, Othar, Unicornio e tamén o Cabalo de Troia.

Así e todo, Pegaso non gozara da reunión como en anteriores ocasións. Algo mudara. Estaba farto de tanta loita de egos e suma de fachendas. Xa non quería competir máis en andanzas nin seguir relucindo no ceo. Só desexaba montar en bicicleta, torrarse ao sol, tomar unha cunca de caldo, aloumiñar un gato, mirar as estrelas, rir, chorar… O cabalo alado atopara a súa verdadeira paixón: vivir no mundo real.

Estela Sande López, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, 38 anos, Neda.