Unha viaxe fantástica

Antía Motenegro Criado RELATO

Ao SOL

30 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Si, foi moi especial unha viaxe que fixen fai moitos anos, cuxo lembro aínda me fai sorrir e soñar co marabilloso e tranquilo val onde se alzaba a escola na que iniciei o meu traballo como mestra. Levaba uns días sentíndome mal e acabei por avisar ao médico. Leste, tras examinarme, mirou con xesto serio á señora da casa onde me aloxaba, naquela a miña primeira escola na que comecei a miña andaina como mestra, e preguntoulle que me deu. Ela iniciou unha retahíla de remedios caseiros e el atallouna: apendicitis aguda. Hai que operar. ¡Xa! El mesmo chamou aos meus pais para dicirlles que fosen buscarme para levar ao hospital. E xusto aquí empeza a miña viaxe.

Era inverno e facía intre que escurecera. Os dentes me repiqueteaban cando me sentei na cama cos pés descalzos sobre a alfombra. Deixeime vestir e calzar. Permitín que me envolvesen nunha grosa manta e que me acomodasen a lombos dun burro para poder percorrer o carreiro que me achegaría á estrada onde me agardaría o meu pai co seu coche. Que longo o camiño. Unha muller cun faroliño levaba as rendas do animal que se cambaleaba e con cada movemento arrincábame un berro, un alarido, que resoaba na fronda. Acompañábanos unha procesión de veciños, tamén con luces, que apenas iluminaban a escuridade que ocultaba o río. Animábanme cariñosos, pero eu berraba cada vez máis e os meus ollos despedían fulgores feitos do sufrimento que se agudizaba. Ao chegar á estrada vin ao meu pai e os meus berros de dor fórono tamén de alegría, pero baixarme do burro e acomodarme na parte traseira do coche resultou unha odisea.

Nunca entendín como o meu pai puido conducir ata o hospital no medio da noite, aparvado polos meus berros que se multiplicaban en cada curva do camiño. Todo saíu ben, grazas ao médico e ao seu rápido diagnóstico. Aínda hoxe lle dou as grazas con admiración, polo seu bo facer, percorrendo quilómetros, a pé ou dacabalo, para coidar a saúde dos seus veciños, sen lamentarse e sen ter en conta as habladurías que puñan en dúbida a súa profesionalidade.

Antía Motenegro Criado, pensionista, A Coruña.