En busca do monte Medulio

Ramón Coira Luaces RELATO

Ao SOL

30 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Andrés levaba anos preparando as oposicións a profesor de Historia no instituto, sen éxito. Fixera o doutorado e publicara a tese e varios artigos sobre a cultura castrexa, a súa especialidade.

Gañaba diñeiro para os seus gastos dando clases particulares, mais non era feliz, pois a necesaria estabilidade económica non chegaba. Rexeitara varios traballos temporais, porén eran todos ruíns e mal pagados. Durmía mal e, chegado un punto, o seu equilibrio mental comezou a fallar. Soñaba cos celtas e a vida dos castros, compraba símbolos celtas, que usaba como amuletos e adornos. O primeiro signo alarmante foi cando, antes de se presentar aos exames da oposición, sacrificou un galo aos deuses e manchou a cara co seu sangue. Intentou disimular o feito, porén os pais insistiron en que fose a un médico, mais el negouse. Andrés só falaba extensamente do seu tema preferido ou doutros relacionados; no resto de asuntos non amosaba interese e apenas dicía monosílabos ou frases breves.

Os pais estaban preocupados: Andrés saía de casa pola noite e facía cousas anómalas, como internarse nunha carballeira próxima á vila, onde pasaba horas e horas. Escribiu un conto, ambientado nesta época da historia galega, co que gañou un premio de 1.000 euros. Porén volveu suspender a oposición, como non podía ser menos, pois afondaba e afondaba na cultura castrexa, no entanto deixaba de lado os demais temas.

Un bo día desconectou coa realidade e, créndose un príncipe galaico, dedicouse a buscar o mítico monte Medulio, desprazándose nun coche vello, dun sitio a outro. Finalmente, creu encontralo. Subiu o monte e sentou. Sacou un coitelo da mochila e un espello coa intención de suicidarse, cortándose a xugular; porén, aínda que sangrou de forma abundante, afortunadamente non deu con ela e salvou a vida, pois non o intentou de novo. Enterrou alí mesmo súa pulseira de bronce en forma de torques e baixou o monte andando, do mesmo xeito que subira.

Cando regresou á casa, os seus pais estaban tan preocupados por el que o levaron por urxencias a un psiquiatra. Ninguén se estrañou demasiado: o mozo volvérase tolo de tanto estudar. Os pais desexaban que curase e que se dedicase a vivir do humilde negocio familiar, que a el nunca lle gustara demasiado por paupérrimo. Porén, na súa longa convalecencia, por primeira vez, Andrés viu aquela humilde ferraxería como unha oportunidade de gañar a vida sendo libre.

Ramón Coira Luaces, funcionario de prisións xubilado, 55 anos, Ourense.