Ronsel de pingas

Elina Bouzas Collazo RELATO

Ao SOL

29 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un luns. O estrondo do espertador. A ducha, o almorzo, a parada. A cabeza emboutada e o autobús que se achega; as portas ábrense nunha boca famenta disposta a engulir aquela maraña de rostros grises e lagañosos. Iria, unha máis, diríxese cara a parte traseira. A vista fixa máis aló da fiestra: unha parada e outra. Máis e máis xente amoreada ao seu arredor. Non era quen de moverse. Alí de pé, no medio daqueles estraños, un calafrío subiulle pola entreperna dereita ata acadar a parte baixa da caluga. Miraba sen ser quen de ver. Comezou a suar e a pasaxe mudou en nebulosa. Unha picada traspasoulle o ventre. Un berro mudo saíu da súa gorxa. Loitaba por retirar a man da barra e chegar á porta. A dor repentina paralizara os seus movementos, bloqueara a súa capacidade de reacción. Alguén se tiña que dar conta do que lle estaba a acontecer! Buscou desesperadamente unha mirada comprensiva, unha faciana amable que a tranquilizara. Non a atopou. So viu cabezas baixas e dedos enredando nas pantallas dos móbiles.

Anegada en indiferenza respirou fondo e, as poucos, foise achegando a porta de saída. Descendeu e o frío húmido que subía do porto foi coma un chimpo de osixeno que non lle evitou unha nova picada no abdome. Suxeitouno coas dúas mans e avanzou rúa abaixo. Abriu a porta e quitou a alarma da oficina. Feita un novelo e apertando os beizos retivo as náuseas ata chegar ao baño. Alí, un amargor ácido e grumoso deixou un ronsel de pingas nas baldosas frías.

Sentada no retrete as súas entrañas retorcíanse nun baile agónico e doloroso. Os ollos pechos, a respiración axitada, as gotas de suor coroando a súa testa, as bágoas escorregando polas súas meixelas, pálidas e xeadas.

«I.F.T. aparece morta no baño da súa oficina sen signos evidentes de violencia. Todo parece indicar que se trata dunha morte fortuíta. Compañeiros e amigos están consternados por esta triste nova, xa que se trataba dunha persoa ben coñecida e querida nesta cidade».

Elina Bouzas Collazo, axente de Desenvolvemento Local, 41 anos, Lalín.