Tres candidatos compiten para relevar a Poceiro na alcaldía de Vilaboa

Marcos Gago Otero
marcos gago VILABOA / LA VOZ

VILABOA

PP de Vilaboa

A retirada do veterano socialista impón o cambio de rexedor no Concello

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un dos rexedores máis veteranos da comarca -foi alcalde catro veces-, o socialista José Luis Poceiro, non figurará como candidato o 26M en Vilaboa . Ábrese, desta forma, unha incógnita sobre se o PSOE será capaz de reter a súa posición como lista máis votada, se o BNG logra facerse coa alcaldía a través dun novo bipartito, ou se o PP consegue a remontada co seu novo candidato. Así mesmo, Vilaboa é un dos catro concellos da comarca onde os veciños teñen que elixir soamente entre os tres partidos máis veteranos do panorama político galego. Os outros concellos son Moraña, Cerdedo-Cotobade e Caldas.

Francisco Costa, actual concelleiro de Medio Ambiente, é o candidato do PSOE á alcaldía de Vilaboa. Costa aposta por unha liña continuista dos proxectos e modo de ser de Poceiro no Concello. Propón un plan de mantemento, consolidación e humanización de vías municipais, que garanta o bo estado destas estradas e pistas. Expón un programa de corredores verdes municipais, que vertebren o territorio. Serían Figueirido-Paredes, As Salinas-Rande e As Salinas-Castiñeiras aproveitando os muíños da ladeira do monte. Costa impulsará un plan de transporte público municipal a demanda, en colaboración con empresas de transporte e taxistas da zona; o desenvolvemento do urbanismo a raíz do PXOM, reforzo das traídas veciñais de auga, a ordenación do monte e a rehabilitación e posta en valor do parque forestal de Castiñeiras. Costa incide en que o PSOE demostrou a súa capacidade de xestión ao dirixir Vilaboa desde o 2003. «Fomos un goberno humilde, aberto, eficaz e traballador», recalca.

Pola súa banda, a candidata do BNG e actual tenente de alcalde, Ornela Fernández, destacou a xestión das áreas do goberno en que o Bloque tivo responsabilidade máis directa. «Que o BNG estea no goberno é garantía de xestión eficiente, compromiso, transparencia, participación veciñal e honestidade», sentenza.

O BNG seguirá loitando polo recoñecemento dos núcleos do litoral por Costas e a súa integración no PXOM e promoverá a creación dunha «rede de asembleas abertas» para que os veciños propoñan as súas ideas sobre a actuación municipal. Tamén implicará ao Concello en asesorar aos propietarios de parcelas agrícolas e forestais e impulsará a programación cultural, deportiva e educativa.

Alberto Acuña quere dotar de servizos a todos os núcleos do municipio, crear un servizo de urxencias cos concellos limítrofes, fomentar o turismo coa declaración do entroido de Cobres como festa de interese nacional, xestionar ante a Xunta o traspaso da N-554 e a ampliación e mellora do colexio do Toural. Fronte ao actual bipartito, Acuña expón «un novo modelo de xestión» no día a día do Concello.