A fachada arousá de Sanxenxo, a «gran esquecida» da capital turística

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

emilio moldes

A senda do Bao a Dena diversificará a oferta ambiental da capital turística

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Sanxenxo é moito máis que Silgar, hoteis e sol. A capital turística das Rías Baixas é o municipio europeo con máis bandeiras azuis de Europa; ten a marca de noitadas estivais no norte de España e revalida unha e outra vez o seu atractivo para os visitantes procedentes de toda Galicia e de máis alá da Canda, o Padonerlo e o Miño. Con todo, neste concello hai un tramo costeiro que o propio concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, definiu como «o gran esquecido» e iso que contén todos os ingredientes en potencia para converterse nun dos buques insignia da comarca. Trátase da fachada arousá de Sanxenxo, porque este municipio ten algo que poucos teñen: saída ao mar en dúas rías. E se a costa de Pontevedra é magnífica, a arousá non lle vai á zaga.

O tramo máis coñecido para os visitantes, pero no que poucos se pairan, é a enseada do Bao, que comparte co Grove. Talvez a estrada que percorre o istmo non invite precisamente a parar o coche. Tampouco a que serve de entrada na Revolta é adecuada para deixar un vehículo na beiravía. No entanto, esta parte da enseada do Bao é o cartón de presentación dun dos espazos máis relevantes para as aves acuáticas e migratorias de toda Galicia. Miles de exemplares de numerosas especies fan escala nas súas augas, coma se dunha estación de servizo da AP-9 para aves tratásese. Aquí atopan un ambiente tranquilo, augas repousadas e comida en abundancia. Que máis se quere nos longos voos de ida e vinda na primavera e outono? No Grove hai unhas casetas desde onde se poden observas as aves. Non están demasiado publicitadas, pero con prismáticos e unha guía de aves pódese un entreter un bo intre de observación ornitológica. Bótase en falta esta facilitade desde a parte sanxenxina do Bao.

O Concello quere habilitar unha senda peonil desde A Revolta, ao longo de todo o litoral arousán de Noalla e Vilalonga ata o límite con Meaño. Son varios quilómetros de percorrido, que bordean un hábitat de marismas e lagoas, ría e bosque, de gran potencial para os afeccionados do turismo verde.

No pasado, este litoral estaba cribado polos barreiros, tanto de terra como de mar, de onde os veciños extraían para as fábricas de toda a comarca o barro necesario para ladrillos e tezas. Logo chegaron as fábricas, das que o grupo Campos é un dos máis emblemáticos do Salnés, e que está aínda operativo. Nas Telleiras, case ao final da ruta que o Concello quere habilitar, está outra desas fábricas, máis antiga, rehabilitada, pero pouco visitada, na Fianteira, un dos espazos naturais que se aspira a revalorizar. Un paseo por esta costa vale a pena. E mellor con cámara de fotos.