Sanxenxo no outono: tempada alta de aves

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

MARTINA MISER

Unhas 20.000 aves invernantes refúxianse no complexo intermareal Umia-O Grove

08 dic 2019 . Actualizado ás 11:40 h.

Ata duascentas especies de aves atopan acubillo no outono e inverno na franxa costeira que vai desde as praias de Major e Montalvo, en Sanxenxo, a península do Grove, e toda a franxa sur do litoral da ría de Arousa ata A Illa. As praias están case desertas de humanos, coa excepción dos surfeiros, pero para as aves esta é tempada alta. O representante da Sociedade Española de Ornitoloxía en Pontevedra (SEO / Birdlife), Gustavo Ferreiro, explica que este espazo natural pode ofrecer protección e alimento a unha media de 20.000 aves nestes meses fríos do ano. É dicir, agora mesmo son máis que os veciños censados na maioría dos concellos da comarca. Non hai tantas persoas vivindo no inverno nin en Sanxenxo, O Grove nin Poio como aves invernantes no denominado espazo intermareal Umia-O Grove.

Ferreiro non ten dúbida á hora de catalogar este tramo de costa da provincia como o humidal máis importante do noroeste da península Ibérica. «É un ecosistema singular e, aparte, moi rico en zonas de limo, con baixamares moi amplas que descobren fondos mariños e atraen a especies que se alimentan nestes lugares». A riqueza marisqueira da ría arousá é proverbial, pero non só é un recurso de interese para os homes, tamén o é para as aves.

As clases máis abundantes son os patos, que son os máis numerosos tamén en canto a exemplares por especie. As aves limícolas, as que se alimentan revolvendo os lodos das praias en baixamar tamén están moi ben representadas, e en menor número de especies, pero igualmente interesantes, as garzas. Nesta contorna costeira, segundo precisa a SEO Birdlife, hai de todo. As zancudas como as espátulas, gaivotas que non son frecuentes noutras contornas, e unha longa lista de aves que fan as delicias de calquera afeccionado e dos estudiosos da ornitoloxía. Para algunhas especies esta contorna é mesmo o único onde se atopan en bo número en Galicia. Así pois, desde o punto dos especialistas da SEO /Birdlife leste é un ámbito a coidar non só desde o punto de visto natural, senón porque tamén supón un potencial turístico nada desdeñable.

Onde poder ver as aves que pasan aquí os meses máis fríos? Segundo Ferreiro hai varios lugares a ter en conta. No istmo da Lanzada hai miradoiros de madeira con vistas á enseada do Bao, que serven para facilitar a observación dos animais e é recomendable acudir a eles en marea baixa. Tamén hai outros puntos onde poder facer boas observacións na enseada de Dena, en Meaño, ou na Fianteira, en Vilalonga, en Sanxenxo.

Para aqueles que teñan medios de observación de maior alcance, a contorna de punta Faxilda, na parroquia sanxenxina de Noalla, é outro punto de especial interese. Aquí pódense ver especies que se senten máis cómodas non tanto ao amparo da ría, senón do mar máis aberto. Así que todo é cuestión de collerse uns prismáticos e ir probar.