A ponte da Constitución faise notar en Sanxenxo

Marcos Gago Otero
Marcos Gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

Ramón Leiro

Os termómetros superaron os 14 graos na capital turística e os 17 en Pontevedra

06 dic 2019 . Actualizado ás 16:15 h.

Primeiro festivo do mes de decembro e arranque da ponte da Constitución, un dos máis agardados do outono na comarca. A afluencia de visitantes está a deixarse notar, sobre todo en Sanxenxo, municipio onde moitos dos hoteis colgaron o cartel de cheo ou están a piques de facelo. As choivas deron unha tregua nesta xornada de venres e aínda que os termómetros non están para dar moitas alegrías, con temperaturas que superaron os 14 graos en Sanxenxo e os 17 en Pontevedra, numerosos veciños e visitantes aproveitaron as horas centrais do día para pasear, tomar unha cana ou gozar das terrazas, aínda que sexa co abrigo posto. Pola noite, como non podía ser doutro xeito por estas datas, moitos aproveitarán para gozar da iluminación do Nadal nas rúas e prazas, que xa está acendida desde esta semana na cidade de Pontevedra e en localidades como Marín e Bueu -Sanxenxo foi a máis madrugadora xa que a decoración do Nadal se acendeu a finais do mes de novembro. Este é unha fin de semana onde se prima a tranquilidade e o descanso por parte dos visitantes, que aproveitarán tamén as opcións de relax dos hoteis e os SPA para librarse do trafego e as tensións do outono. 

A previsión do tempo de Meteogalicia ata o fin da ponte en Pontevedra e a súa contorna é a de ceos nubrados, pero sen choivas coa única excepción do domingo pola tarde noite e a madrugada do luns. As temperaturas moveranse entre os seis e os quince graos.