Noalla reclama a propiedade de dez hectáreas, que cuestiona O Grove

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

RAMON LEIRO

Pide o monte da Lanzada que está en Sanxenxo fose do dominio público litoral

11 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Xulgado do Contencioso Administrativo número tres de Pontevedra foi escenario este xoves da testifical e práctica de proba nunha reclamación dos comuneiros de Noalla sobre parte do monte público desta parroquia. A reclamación desta comunidade de montes, segundo explicou o seu avogado Calixto Escariz, limítase á parte do monte da Lanzada que se atopa dentro do termo municipal de Sanxenxo e que está fóra do dominio público marítimo terrestre.

Cabe lembrar que unha sentenza xudicial anulou a clasificación do monte da Lanzada que en 1989 deu todo o territorio desde Foxos ata a rotonda do Grove, istmo incluído, a Noalla, e obrigou ao Xurado Provincial de Montes a reclasificar este espazo. A nova resolución do Xurado, do 2018, foi atender a tese de Costas, que reclamou o istmo e boa parte do resto do terreo como dominio público marítimo terrestre. Ao facelo así, o ditame excluíu aos comuneiros de Noalla da titularidade de toda esta superficie, aínda que a parte que quedou fóra do deslinde de Costas recaeu, automaticamente, no Concello de Sanxenxo que, na actualidade, é o propietario das dez hectáreas reclamadas por Noalla.

No contencioso presentáronse por unha banda, os comuneiros de Noalla, para facer valer a súa reclamación sobre esas dez hectáreas, e o Concello de Sanxenxo, que está conforme. Polo outro lado, opuxéronse os comuneiros de San Vicente e de San Martiño do Grove así como o Concello meco.

Nas súas intervencións, o letrado que actúa en nome dos comuneiros de San Vicente deixou claro que os seus representados só se opoñen á clasificación a favor de Noalla dunha superficie de 1.400 metros cadrados, que actualmente está case toda ocupada por unha rotonda e un viario. Este letrado considera, en base a un informe pericial elaborado por un enxeñeiro técnico agrícola, que a delimitación da fronteira municipal do Grove e Sanxenxo no expediente promovido por Noalla é defectuosa nesa pequena franxa. No interrogatorio aos peritos, esta foi unha das claves, defendendo os sanxenxinos a validez da súa proposta e restándolle fiabilidade os comuneiros mecos.

Desde Bruber Avogados, que representa a San Martiño, mantense a súa oposición á demanda de recoñecemento de monte comunal nos terreos cuestionados. «Coa proba practicada non se acreditou ningún dos requisitos que o faría merecedor». Afirma este gabinete o «inexistente a día de hoxe uso veciñal dos terreos»; a súa inclusión na Rede Natura é «incompatible cos aproveitamentos que propugnan os demandantes», a consecuencias do deslinde de Costas de 1993 e o uso «principalmente turístico» dos terreos».

106.000 m2

A reclamación

A superficie que solicita Noalla no seu contencioso

1.400 m2

Oposición

San Vicente pide que se exclúa por un erro de lindes

5

Partes presentadas

Sanxenxo, a favor de Noalla e O Grove, en contra