O sector turístico de Sanxenxo quere socorristas de xuño a setembro

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

CAPOTILLO

O CETS piden un servizo de buses máis amplo, máis puntual e con máis frecuencias

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) teno claro. Este sector supera o 80 % do PIB deste municipio e polo tanto «o turismo é o alicerce estratéxico da nosa economía e a nosa sociedade a día de hoxe». Conclusión: hai que consentilo e sobre todo ante o reto que supón a proximidade do Xacobeo 2021. O CETS apunta que hai cousas por facer e entende que hai unha marxe aínda para facer os deberes pendentes» para garantir que Sanxenxo aproveite o tirón que suporá a cita xacobea para Galicia tanto por cantidade de visitantes como por calidade dos seus turistas.

A conectividad é «un dos principais cabalos de batalla», nunha dobre faceta: as comunicacións terrestres e as novas tecnoloxías. Desde o Consorcio inciden en que «unha das maiores queixas dos nosos asociados é o servizo de autobuses, incumprimento de horarios e melloras para unha verdadeira conexión con outras cidades». Búscase, principalmente, que sexa doado e cómodo poder desprazarse en bus desde Sanxenxo a cidades como Pontevedra, Vigo ou Santiago e que se dote dunha conexión cos aeroportos galegos.

«Na mesma liña debemos traballar para estar preparados para a chegada do AVE a Galicia, que será sin duda un punto de inflexión no turismo galego». É dicir reclaman liñas regulares de bus máis amplas, e que ofrezan viaxes cunha maior frecuencia, co obxectivo de que sexa máis atractivo o uso deste transporte público. E, por suposto, desde o CETS dan por sentado a conveniencia dun programa de intermodalidade, que permita a conexión de Sanxenxo coas estacións do tren ou con aeroportos como Lavacolla ou Peinador.

Queixas por lentitude de Internet

En canto ás novas tecnoloxías, os Empresarios Turísticos salientaron que un municipio como Sanxenxo «non pode permitirse diferenzas abismais na velocidade de conexión a un servizo vital como Internet». O Consorcio engadiu a súa queixa de que existan zonas «con velocidades de vergoña en Internet pagando cotas iguais a outras áreas do concello que ofrecen 600 MB ao mesmo prezo».

Pola súa banda, Sanxenxo, municipio con maior número de bandeiras azuis de España, líder de Q de establecementos de Q de Calidade e de selos Sicted, tamén ten que aspirar á desestacionalización ou a estender aínda máis a tempada estival. Unha das propostas pasa por adiantar o dispositivo de posta a piques das praias. E tamén que se desmantele máis tarde.

«Entendemos que todas as nosas praias deberían estar operativas con todos os seus servizos como mínimo os meses de xuño a setembro». O Concello xa estivo tomando pasos cara a esta dirección. Este ano, por exemplo, a 15 de xuño abríronse con socorristas un total de nove areais.

O CETS aposta porque se tome esta medida en todas e a 1 de xuño. En canto ao peche da campaña, esta rematou este ano o día 15 deste mes, pero desde o Consorcio verían con bos ollos que se estendese algún tempo máis.

74,96 %

Julio

O turismo creceu, sobre todo por visitas de estranxeiros

90,04 %

Agosto

A porcentaxe é practicamente o mesmo que o 2018

76,02 %

Setembro

A afluencia na primeira quincena subiu un 1,95 %