A ocupación hostaleira de xullo supera en Sanxenxo lixeiramente ao 2018, a pesar da meteoroloxía adversa

Marcos Gago Otero
Marcos Gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

Ramón Leiro

O Consorcio de Empresarios Turísticos sinala que a taxa de ocupación situouse o mes pasado no 74,96 %

01 ago 2019 . Actualizado ás 12:01 h.

Sanxenxo conseguiu manter a súa ocupación hostaleira en xullo, e mesmo mellorala nalgunhas décimas, fronte ao mesmo período do ano pasado, e a pesar da meteoroloxía adversa con que comezou este verán. A taxa de ocupación hostaleira situouse no 74,96 % este xullo, mentres en que no 2018 situouse no 74,24 % e no 2017 foi do 82,21 %. Os hoteis de catro estrelas son os que máis atención recibiron por parte dos visitantes, que ocuparon o 88,07 % das súas prazas, seguidos polos apartamentos turísticos, cun 81,74 %. Nas modalidades de aloxamento, as que recibiron menos público foron os hoteis dunha estrela e pensións que se situaron nun 66,02 %. 

En canto aos datos de consumo, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) incidiu en que se mantén un «crecemento considerable». Nunha enquisa realizada entre os seus asociados, onde se pedía unha valoración do consumo dos clientes nunha escala do 1 ao 5, a medida resultante foi dunha 3,89 fronte ao 3,11 do mesmo período do 2018.

Desde o CETS conclúese, ante os datos de xullo deste ano, que Sanxenxo «consolida a súa ocupación en nosas máis de 15.000 prazas de aloxamento reguladas no sector hostaleiro e extrao hostaleiro, a maiores das dispoñibles en vivendas de uso turístico e segundas residencias». A nota negativa pona o tempo. Segundo o CETS, os hostaleiros detectaron unha ocupación variante, con gran afluencia en días de fin de semana e menos en xornadas laborais. «Sin duda a sensación xeral é que cun mellor tempo fose un mes perfecto», apunta o Consorcio.

En canto ás perspectivas para agosto e setembro, o presidente do CETS, Francisco González, afirma: «Debemos estar moi atentos a como evoluciona a tempada estival porque non se presenta con grandes alegrías meteorológicamente falando». Con todo, González precisa: «Tampouco é para asustarse se se consegue consolidar os réditos turísticos de anos anteriores». O portavoz dos Empresarios Turísticos recalcou que despois de anos de importantes crecementos nos que os hoteis se reservaban a «un moi bo ritmo», agora toca acostumarse ao regreso da normalidade. González manifestou que «durante os últimos anos o turismo español viviu anos de marca consecutivos, en parte pola inestabilidade política que sufrían varios países do Mediterráneo, como Exipto ou Tunisia, competidores directos de España en turismo de sol e praia». Engadiu: «Agora, tras a mellora da situación nestes destinos, o turismo español comeza a frear as súas cifras de crecemento nos últimos anos».

O presidente do CETS indicou que se debe seguir traballando desde a óptica da colaboración público privada na promoción dunha marca turística como o referente claro que é a nivel nacional». Sobre este particular sinalou que «Sanxenxo é sol e praia no verán, pero tamén é fóra de verán ese lugar de escapadas que ofrece un destino náutico, gastronómico e de enoturismo, de lecer e vida nocturna». Outro reto será a continuidade da promoción internacional, «xa que nela se atopa unha parte moi importante da nosa desestacionalización».