O Maestral impulsa unha bolsa de emprego para os concertos do festival de agosto

La Voz SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

MARTINA MISER

27 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O portal de emprego do Concello de Sanxenxo inclúe ata o 20 de xullo unha solicitude xeral de persoal para os distintos concertos do Maestral Music Festival, que se celebrará no polígono de Nantes o próximo agosto. A proposta detalla que se recollerán currículos de persoas que estean interesadas para traballar como camareiros, azafatas, servizo de limpeza, carga e descarga, auxiliares de seguridade e electricistas. Os currículos enviaranse ao correo da organización -comunicacion\maestral.com-. A selección do persoal levaraa a cabo a empresa Trosma, que forma parte do equipo e é a encargada dos operarios de varias áreas do evento. Desde a organización sinalaron que o número de operarios necesario para cada concerto previsto en agosto varían dependendo do cantante, aínda que se especificou que a oferta de emprego é «ampla».

Pola súa banda, o Maestral Music Festival anunciou un concerto da banda de Joaquín Sabina en Nantes o 12 de agosto. O concerto de Noite Sabinera traerá ao escenario sanxenxino a Pancho Varona, Antonio García de Diego, Mara Barros, Paco Beneyto e Jaime Asúa.

As entradas para todos os concertos do festival están á venda na páxina web da organización -www.maestralfest.com-, así como na web de Ataquilla. Tamén se poden adquirir fisicamente os boletos nas sedes de Afundación en Vigo, A Coruña e Ourense, ademais de en Boneca de Trapo, emblemático establecemento de moda no centro urbano de Sanxenxo. O Maestral é un novo festival de música estival, que se desenvolverá en Nantes desde o 3 ao 23 de agosto.