Telmo Martín: «Buscarei consensos»

La Voz SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

cedida

O popular tende a man á oposición en turismo, emprego e estender servizos

16 jun 2019 . Actualizado ás 11:08 h.

Un emocionado Telmo Martín tomou onte posesión como alcalde de Sanxenxo tras lograr unha maioría absoluta para o PP, despois dun último mandato no que pilotou o destino do municipio turístico pero tras formar coalición a medio mandato con Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL). Nas súas primeiras palabras, cunha voz crebada, dixo que o resultado lle obriga a traballar con máis responsabilidade e tendeu a man á oposición. «Hai temas non noso concello que son importantísimos e, á parte dás diferenzas ideolóxicas, hai temas que son fundamentais: a estratexia turística, que me gustaría que fora un asunto de consenso; a seguridade cidadá e tamén, como non, a creación de emprego», dixo Martín, que reclamou unidade á corporación nestes tres asuntos.

«Nós temos dúas iniciativas que van marcar un antes e un despóis», dixo Martín. Unha será levar a todos os veciños os servizos básicos: saneamento e comunicacións. A creación de emprego será outra. Neste sentido destacou o carácter familiar dos establecementos turísticos de Sanxenxo e a necesidade de desestacionalizar o turismo.

O parque empresarial de Nantes será o «plan B» de Sanxenxo, no económico. E neste sentido insistiu no seu plan de converter a Sanxenxo nun municipio de máis de vinte mil habitantes, en lugar dos 17.400 que ten agora. Isto permitiríalle a Sanxenxo contar con máis ingresos. «Buscarei consensos», insistiu Martín, antes de dar por finalizada a sesión non sen antes, outra vez coa voz crebada, dar as grazas á súa familia.