Un chalé de Sanxenxo ocultaba unha plantación de marihuana

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

POLICÍA NACIONAL

Detidas tres persoas e intervidas máis de 500 plantas

23 may 2019 . Actualizado ás 09:44 h.

Tres persoas foron detidas pola Policía Nacional de Pontevedra en relación a unha plantación de marihuana que estaba a pleno rendemento nun chalé de Sanxenxo . Entre os arrestados, todos eles veciños de Pontevedra e arredores, atópanse o que se sospeita que é o principal responsable do cultivo desmantelado e dous dos seus colaboradores.

A operación Cucos foi liderada polo grupo de tráfico medio de estupefacientes coa colaboración da Unidade Adscrita de Policía Nacional á Xunta de Galicia. A investigación iniciouse en marzo cando axentes da Policía Autonómica que estaban tras os pasos duns furtivos constataron que algunha destas persoas podería estar compatibilizando este actividade ilícita co cultivo e posterior venda de marihuana.

A información facilitada aos policías antidroga determinou que se establecese «un dispositivo de vixilancia e seguimento sobre este furtivo e outras persoas que acudían con el ao lugar - un chalé nos arredores de Sanxenxo-, que logrou confirmar as súas actividades ilícitas», resaltaron desde a Comisaría. Ante tales evidencias, solicitouse ao xulgado de garda de Cambados autorización para realizar unha entrada e rexistro da vivenda,

No transcurso deste operativo, os policías, con sorpresa, comprobaron como gran parte das súas estancias estaban destinadas ás distintas fases do cultivo da marihuana, desde os seus estadios iniciais ata plantas xa adultas con cogollos listos para colleitar, pasando polas fases intermedias de crecemento. De igual modo, verificouse que outras dependencias se dedicaban ao secado destes cogollos, paso previo á súa posterior distribución.

Deste xeito, ademais d elos tres arrestos, interviñéronse máis de dez quilos de marihuana, cincocentas plantas de diferentes tamaños e fases de crecemento, así como todo tipo de utensilios para o seu cultivo, manipulación e desenvolvemento, caso de produtos fertilizantes.

Fraude eléctrica

Ademais ao considerado como responsable desta plantación considéraselle autor dun segundo cargo penal por defraudación do fluído eléctrico. Ao parecer, montara unha instalación ilegal, de tal modo que conectaba a subministración directamente á rede sen pasar por ningún tipo de rexistro de consumo estimándose que puido ter defraudado varios miles de euros ao mes á compaña eléctrica.