O ITF Júnior do CCD Sanxenxo logra a máxima categoría

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

MÓNICA FERREIRÓS

Tenis O torneo sería o equivalente ao Master 1000 de Madrid

14 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo logrou un propósito que levaba anos perseguindo, lograr a máxima categoría mundial no ITF júnior, que ata agora era de grao 2. Tras o visto e prace da Federación Internacional de Tenis , o torneo de Sanxenxo pasa a formar parte dun circuíto á altura do Máster 1000, pero na súa categoría júnior.

O presidente do CCD de Sanxenxo recibía unha chamada do director deportivo da Federación Española de Tenis, Javier Soler , para confirmar que a partir do próximo ano o ITF júnior será de grao 1. «Sanxenxo é definitivamente a capital do tenis mundial júnior, somos o único club de Europa que ten un torneo na máxima categoría sub-18 e sub-16», sinala Paco Hernández, presidente do CCD. Na actualidade celébranse en todo o mundo 26 torneos de grao 1, son os que máis puntos reparten para o ránking mundial xunto aos de Grand Slam. Estes últimos son dunha categoría superior, á que non poden optar. «Fomos os pioneiros, o primeiro club que pediu un circuíto júnior porque criamos que dos 15 anos ao tenis profesional era un salto demasiado grande», indica o director deportivo CCD, Noli Álvarez, quen pelexou xunto a Paco Hernández por incluír este novo circuíto e dar máis oportunidades ás promesas júnior.

Este club empezou pola categoría máis baixa, o grao 5 e despois de 18 anos traballando, celebran a maioría de idade, co club no máis alto.

Hai medio ano o CCD Sanxenxo lograba entrar na máxima categoría do tenis cadete. Este cambio de grao supón unha maior demanda de participantes, xa que é onde se conseguen máis puntos para o ránking internacional. No último ITF júnior participaron preto de 130 tenistas e aínda que Galicia está lonxe da calidade dos deportistas do Mediterráneo, onde hai centenares de escolas que nutren estes circuítos, a comunidade galega ten un papel destacado no panorama nacional.