Telmo Martín e Catalina González enceréllanse pola celebración do Festival Maestral Music en agosto

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

XOAN CARLOS GIL

O mes elixido para o evento axita a controversia política

12 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

A celebración do Festival Maestral Music no polígono de Nantes durante vinte días de agosto acendeu a primeira polémica entre o actual alcalde, o popular Telmo Martín, e o seu excompañera de partido, Catalina González, que regresa á vida política de man do seu novo proxecto Xuntos por Sanxenxo (XxS).

A exregidora manifestou a súa oposición «rotunda» ao macrofestival estival que, ademais, montará o seu escenario no polígono de Nantes e conta coas bendicións do bipartito de PP e SAL. Para González, as datas elixidas é «unha falta de respecto cara aos pequenos empresarios do municipio que deben resistir e pagar os seus impostos todo o ano co traballo dos meses de verán, especialmente de agosto». A candidata de XxS lembrou que o ano pasado asistiu «con estupor» ao alugueiro de Balta para eventos «que coa escusa de ser musicais aproveitaron para montar negocios nun espazo público como barras e cociñas». Ademais, lamentou que se fixese o novo festival en agosto, xusto cando é tempada alta en Sanxenxo, no canto doutras datas onde non se colga o cartel de completo.

Pola súa banda, a resposta do goberno presidido por Telmo Martín foi igual de contundente. «Hai que ter pouca visión para pensar que o obxectivo do festival é aumentar a ocupación turística», sinalaron desde o executivo. Para o PP e SAL, as declaracións de XxS «evidencian que non estamos ante unha candidatura con propostas e ideas claras para Sanxenxo, senón ante un proxecto persoal e privado». E tirando da ironía, lembran que hai eleccións preto e que «hai que distinguir as iniciativas que merecen respecto, aínda que non as compartas, das ocorrencias».

O executivo que dirixe Telmo Martín precisou que moitos festivais se celebran en agosto en localidades que están cheas, pero que serven para promocionar todo o ano a oferta deses municipios, e deixan tamén o seu diñeiro nas vilas. En Marbella está o Starlite, do 12 de xullo, ao 24 de agosto; en Burriana, o Arenal Sound, do 1 ao 5 de agosto; en Benicasim, o Rototom Sunsplash, do 16 ao 22 de agosto; en Cullera o Medusa Sunbeach, do 8 ao 13 do mesmo mes; e en Santander o Music festival, do 2 ao 5. Todos estes festivais «melloran a reputación, fidelizan os visitantes e engaden valor engadido ás súas respectivas marcas turísticas».