A incerta loita contra a herba da Pampa en Noalla

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

MARCOS GAGO

Medio Rural actúa na Rede Natura en Sanxenxo pero non logra erradicar a praga no litoral

05 dic 2018 . Actualizado ás 10:53 h.

A Rede Natura 2000 é, tras o Parque Nacional Illas Atlánticas, a xoia da coroa ambiental das Rías Baixas. Con todo, o litoral de Noalla, en Sanxenxo, está a ser obxecto dunha invasión silenciosa, pero persistente, unha praga que pon en perigo a súa biodiversidade e ameaza a supervivencia dos fráxiles sistemas dunares. Trátase da proliferación da herba da Pampa, de nome científico Cortaderia selloana.

A Consellería de Medio Rural dispón dun plan de erradicación desta especie invasora. Esta actuación está dirixida á contención local e a protección dos sitios prioritarios para a conservación de especies, concretamente a Rede Natura 2000, que no caso sanxenxino ocupa case todo o seu litoral desde Portonovo ata A Lanzada. As iniciativas da Xunta priorizáronse na Lapa, Major e a propia A Lanzada. Nunha resposta parlamentaria a unha pregunta da socialista Patricia Vilán, especifícase que se interveu ata un total de 300 exemplares da herba da Pampa nestes puntos sensibles da costa.

A resposta parlamentaria non incide na avaliación da praga nestas contornas. Sin duda, a localización e intervención en 300 exemplares dá unha idea da enorme dimensión do problema nun ecosistema teoricamente entre os máis protexidos de Galicia. Teoricamente está claro porque abonda achegarse a Major, para ver os plumeros da Cortaderia crecendo en abundancia na canle do arroio que remata no areal.

Na Lanzada é certo que estas plantas, non son tan abundantes a primeira ollada, pero aínda se atopan exemplares por aquí e por alá, ameaza potencial da proliferación da praga. E en areais como Montalvo, por exemplo, tamén abunda, precisamente nas zonas de piñeirais xusto ao lado das dunas desta praia que é relevante para a poboación de píllara patinegro.

A Cortaderia chegou a Galicia como decoración das medianas da autoestrada e de xardíns, pero agora converteuse nun pesadelo ambiental.