Drones para salvar vidas en dúas praias de Sanxenxo

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

Emilio Moldes

Un operativo permite levar un flotador a unha persoa que se estea afogando na auga en cuestión de poucos segundos

18 ago 2018 . Actualizado ás 00:26 h.

O tempo é ouro e, no caso dunha persoa que se estea afogando na auga, moito máis. Vaille niso a vida. Por iso mesmo, o Concello de Sanxenxo innova este mes coa aplicación de drones aos seus servizos de salvamento e socorrismo en dous dos seus areais máis emblemáticos: Silgar e Montalvo. Esta é a primeira experiencia desta categoría en todo o norte de España, segundo os organizadores deste sistema. O alcalde, o popular Telmo Martín, e o responsable de Telocrea Drones, Jorge García, acudiron este venres a un simulacro deste tipo de rescates, coa perspectiva de que o próximo ano o Concello contrate este dispositivo para toda a tempada estival. Martín admitiu que non poderá pórse en todas as praias -o custo é de 15.000 euros para dous areais-, pero si se mostrou confiado en que o Concello poderá dar esta prestación polo menos nos areais máis concorridos.

A demostración consistiu nun simulacro dunha persoa que se estaría afogando na auga. Un dron, portando un flotador e dirixido por un técnico, púxose en cuestión duns poucos segundos amais da persoa, ata que o bañista en perigo puido agarrarse ao salvavidas e evitar o ahogamiento. Este sistema está deseñado para complementar o traballo dos socorristas que, en caso dunha urxencia real, tamén acudirían ata o lugar onde se atoparía o bañista en problemas para auxilialo ata a beira.

Jorge García explicou que estes drones non eliminan a figura do socorrista, senón que a complementan e axudan. Así mesmo, tamén precisou que non se trata dun dron calquera. Ten que cumprir uns requisitos esixentes para poder facer ben a súa misión. Ten que ter «unhas características de robustez ao vento e ten que aguantar o peso do salvavidas», incidiu. Ademais, está dotado para poder levar un desfibrilador ata calquera punto da praia onde se necesite con urxencia ou a un barco que se atope nos arredores e onde haxa unha persoa que sufra un ataque ao corazón. «Non só se cingue a operativos na praia», comentou García.

Outra das aplicacións, por exemplo, está na procura de nenos perdidos en praias moi concorridas, ou no avistamento de persoas que teñan desaparecido na lámina de auga, xa que, ao sobrevoala, pode ver cunha perspectiva que é imposible para os socorristas.