Os hostaleiros buscan xa persoal para o verán ante a escaseza do ano pasado

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

emilio moldes

Como en anteriores ocasións, demándanse axudantes de cociña e camareiros

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:15 h.

Antonte quedaban case os mesmos días para o verán que hoxe. Só pasaron unhas horas desde entón, pero a percepción, co sol brillando e o termómetro subindo, é que falta xa moi pouco para a estación estival. Esa sensación deben de tela os hostaleiros, que xa están a buscar persoal para a tempada alta. Empezaron antes que outros anos? Distintas voces autorizadas do sector apuntan a que si. E Francisco González, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) resúmeo coa seguinte frase: «Están a xuntarse varios factores. Por unha banda, cada ano intentamos abrir antes as portas, polo que hai que buscar persoal antes. E, por outro, ante a escaseza de persoal do ano anterior, tamén se está apurando todo máis. É lóxico que sexa así, aínda que hai que dicir que sempre se intentou completar os persoais con antelación para chegar ao verán ao completo».

Que postos demándanse, concretamente? Como ocorreu o ano pasado, os hostaleiros da zona necesitan, sobre todo, axudantes de cociña e camareiros. A estas alturas do ano, co verán aínda un pouco afastado, adóitase pedir experiencia. Os hostaleiros que non completan o persoal ata que a tempada está iniciada logo, moitas veces, ven abocados xa a contratar a persoal non cualificado.

A demanda de camareiros e cociñeiros dáse, sobre todo, no binomio turístico por excelencia, é dicir, en Sanxenxo e O Grove. En Pontevedra haberá contratacións, pero a situación é outra: «Aquí case todo o mundo ten o persoal completo todo o ano», aseveraba Víctor Pampín, portavoz do sector.