A Regata Juan Carlos I vive unha trepidante xornada de ecuador

Juan Ares PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

Maria Muina by SailingShots.é

10 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A segunda xornada da terceira Regata Rey Juan Carlos I, organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, celebrouse onte cun vento que entrou franco en todos os campos de regatas, con especial intensidade nos arredores da illa de Ons, onde os ORC disputaban as súas probas. Estas condicións ideais, xa que o sol tamén luciu tras un chuvasco matutino, permitiron celebrar tres probas de barlovento-sotavento nas clases ORC, mentres os ORC especial disputaron unha regata costeira. En ORC 0-1 o Mirfak da Armada Española, con Diego López á cana, adxudicouse dúas vitorias, fronte a unha do Arroutado de José M. Pérez, co que a clasificación en xeral desta clase queda encabezada polo Mirfak con 4 puntos e unha clara vantaxe sobre o Arroutado, con 8 a falta da última xornada de hoxe.

Na Clase ORC 2-3 aínda están máis claras as cousas, co Sum Innovation de Willy Alonso como claro vencedor, xa que onte sumou outros tres primeiros en senllas regatas, polo que encabeza a xeral con 5 puntos, por diante do Grupo Santorum, con 11.

En ORC Especial I o triunfo na regata costeira foi para o Aguieira de Celestino Campelo, por diante do Sebrala II de Magín Froiz. En ORC Especial 2 o Faísca Nejra de José Rey gañou por 8 axustados segundos ao Ai Carmela, co Santiago Roma en terceira posición.

O Maybe de Eugenio Galdón e o Bribón-Movistar do rei Juan Carlos foron os gañadores das dúas probas disputadas na clase 6m, mentres Alibabá de Miguel Lago, e Ian de César Elizaga fixeron o propio en 6m Clásicos. Tamén tomaron parte na regata os J80, con 8 barcos inscritos que disputaron catro probas con dúas vitorias para o Okofén de Javier Gándara, líder, unha para o Virazón de Pablo Cabelo, e outra para o Ferralemes de Quique Porto. Hoxe decidirase a regata con máis participantes da ría de Pontevedra.