A unidade de chan pélvico do CHOP pontevedrés atendeu a máis de 350 pacientes o pasado ano

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Eloy Moral, jefe de servicio de ginecología del CHOP y presidente del comité organizador de la jornada sobre suelo pélvico
Eloy Moral, xefe de servizo de ginecología do CHOP e presidente do comité organizador da xornada sobre chan pélvico Ramón Leiro

O xefe de ginecología, Eloy Moral, afirma que é un reto asistencial recorrente previr a incontinencia, as infeccións urinarias e as lesións dermatológicas

25 may 2023 . Actualizado ás 19:24 h.

O Hospital Montecelo de Pontevedra albergará este sábado, 27 de maio, a cuarta edición da Xornada Foro Norte de Solo Pelviano. Organizada polo servizo de ginecología e obstetricia do CHOP, reunirá a máis de cen profesionais de especialidades como ginecología, cirurxía, urología, matronas e persoal de fisioterapia, rehabilitación e enfermería. Está dirixida a persoal facultativo, de enfermería, fisioterapeutas, matronas e profesionais de rehabilitación. Un dos obxectivos da xornada é, indican desde o CHOP, axuntar sinerxías entre os diversos especialistas para avanzar na consolidación dunha unidade multidisciplinar específica dedicada ao chan pélvico na área sanitaria.

Nos últimos anos estas consultas experimentaron un crecemento gradual, cun aumento do 75 % nas primeiras consultas e un 90 % nas sucesivas. A actividade asistencial mantívose durante a pandemia do covid e o pasado ano a unidade funcional de chan pélvico do CHOP prestou asistencia a máis de 350 pacientes afectadas dalgunha patoloxía relacionada co chan pélvico. O xefe de servizo de ginecología e presidente do comité organizado da xornada, Eloy Moral Santamarina, fai fincapé en que a detección a tempo evita prolapsos. «O feito de non detectar ou tratar a tempo as principais afeccións destas musculaturas implica que, en non poucas ocasións, estas deriven en intervencións cirúrxicas, como ben pode ser no caso dos prolapsos. Así mesmo é un reto asistencial recorrente para nós previr a incontinencia, as infeccións urinarias ou as lesións dermatolóxicas, que son outras das consecuencias destas patoloxías, cuxa repercusión sobre a calidade de vida dos pacientes é de considerable importancia», recalca o doutor.

Na xornada deste sábado en Pontevedra profundarase en patoloxías de incontinencia fecal e urinaria en deportistas e en pacientes posoperatorios e posparto, facendo especial fincapé nos tratamentos de vexiga hiperactiva. Tamén se analizará o labor asistencial desenvolvido por matronas e xinecólogos na prevención destas doenzas no caso das mulleres, labor que pode minimizar o impacto do embarazo e o parto neste tipo de lesións. Durante este foro tocaranse tamén outros asuntos como as técnicas fisioterápicas ambulatorias para pacientes que poidan efectualas no seu domicilio, protocolos cirúrxicos con mallas ou actualización das últimas técnicas aplicadas, tales como a cirurxía laparoscópica, a rehabilitación ou a neuromodulación sacra e do nervio pudendo.

As patoloxías do chan pélvico afectan a unha considerable porcentaxe de mulleres maiores de 40 anos principalmente, aumentando a prevalencia coa idade. Eloy Moral alude a que estudar a globalidad destas pacientes, tamén desde atención primaria, achegando nocións sobre as principais patoloxías, así como acceder a técnicas para o seu tratamento e recuperación, é outro dos obxectivos da xornada de Montecelo.