Intercambio entre un colexio rural de Vilaboa e outro de Cerceda: «As observacións en aula foron moi construtivas»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Observación de una clase en una de las escuelas que forman el colegio rural agrupado (CRA) de Vilaboa
Observación dunha clase nunha das escolas que forman o colexio rural agrupado (CRA) de Vilaboa CRA VILABOA

Profesores dun e outro centro seguen as clases sen intervir para mellorar a práctica docente

25 may 2023 . Actualizado ás 19:24 h.

O colexio rural agrupado (CRA) Consuelo González Martínez de Vilaboa é un dos 36 centros de toda Galicia que pasaron á segunda fase do programa de formación Observa Acción. Fíxoo no lugar 22 ao obter 13,25 puntos, 9,50 polo baremo e 3,75 pola memoria. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Educación é observar a práctica docente para que redunde nunha mellora colectiva. No caso do CRA de Vilaboa durante a primeira fase do proxecto esa observación foi no seu propio centro, é dicir, profesores do CRA metíanse na aula para seguir a clase doutros compañeiros. Na segunda fase, que está en pleno desenvolvemento, o colexio de Vilaboa realiza un intercambio co CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, na provincia da Coruña.

Este mércores, o profesorado do CEIP Celso Emilio Ferreiro, acompañado da súa asesora de formación, visitou o CRA. Os docentes estiveron nas cinco escolas rurais que conforman o CRA: Barciela, Bértola, Figueirido, Paredes e Pousada. En total, estudan este curso no colexio rural agrupado 88 alumnos de 3 a 6 anos. A unitaria máis numerosa en nenos é a de Barciela, que ensina a 29 repartidos en dúas aulas. Os mestres de Cerceda tamén coñeceron o seu BiblioCRA e o espazo de Polos Creativos CRAcreando, así como a flor da paz nas Salinas do Ulló. «O intercambio foi moi interesante e as observacións en aula moi construtivas. A xornada abarcou visitas ás escolas, observación en aula, entrevistas, reflexións, pausa e xantar», explica Conchita Pérez, directora do CRA. O alcalde de Vilaboa, César Poza, tamén se achegou para recibir ao profesorado visitante.

Conta a directora do CRA que o emparellamento co CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro de Cerceda tocoulles e que non o elixiron eles. Trátase dun colexio de infantil e primaria onde estudan preto de cen alumnos. «Supoñemos que foi polas competencias docentes nas que traballamos, que son de innovación e dixitais», expón Conchita Pérez. Esta segunda fase conclúe este mes de maio. O vindeiro luns, día 29, será o profesorado do CRA o que se desprace ata Cerceda para observar como ensinan os seus docentes.