Terceiro informe técnico sobre deficiencias na escola infantil da Parda, en Pontevedra

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Protesta de padres por el mal estado de la escuela infantil de A Parda, en Pontevedra
Protesta de pais polo mal estado da escola infantil da Parda, en Pontevedra Ramón Leiro

O Consorcio sostén que a demora e a inacción por parte do Concello fixo que aumentasen os problemas do centro

04 feb 2023 . Actualizado ás 14:15 h.

Un novo informe técnico do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta, datado o 3 de febreiro e remitido ao Concello de Pontevedra, cuestiona o mantemento da escola infantil da Parda. Trátase dunha gardería para nenos de 0 a 3 anos que foi construída no 2010. É o terceiro documento desde o 2021.

O informe conclúe que da inspección realizada non se detectan actuacións de mantemento que eran necesarias desde o punto de técnico e regulamentario. No escrito do 2022 relatábanse unha serie de actuacións urxentes na escola infantil, «non realizadas e coa consecuencia da degradación acelerada, que encarecerá os traballos de reparación». Como exemplo, o Consorcio cita o levantamento do parqué do chan, onde a falta de mantemento fará necesaria a súa substitución, «mentres no informe anterior simplemente a reparación consistía no vernizado dos solos».

Insiste o departamento da Consellería de Política Social en que na Parda mantense a necesidade, desde a apertura do centro, de dar solucións ás carencias que impiden un bo funcionamento das instalacións. Cítase, expresamente, a posta en funcionamento do patio interior, colocando un valo e proteccións; e a instalación de proteccións solares no patio traseiro, adecuando os pavimentos, en especial, o de formigón, que non é idóneo para uso infantil.

O informe do Consorcio alude a outros aspectos. Un é que o acceso á escola infantil realízase a través dun espazo en rampla de formigón liso, en pendente e sen pasamanos. «Na actualidade pode apreciarse unha cor verde na superficie, que podo provocar un aumento do risco de caídas», dise textualmente. Así mesmo, detállase a falta de protección de elementos metálicos nas portas do edificio; ou que a instalación contra incendios ten os detectores avariados, así como o mal funcionamento da central.

O documento si recolle que o Concello liquidou as filtracións de auga renovando a cuberta existente. Pero que esas filtracións desde o tellado afectaron o pavimento, polo que hai zonas con humidade nos accesos e desprendemento de pezas. Un problema que foi a máis ao cubrilo parcialmente con chan flotante, un material inadecuado e que xera «un risco de caída polas irregularidades que orixina».