A UVigo inclúe unha residencia universitaria no desenvolvemento do campus de Pontevedra

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

El decano de Dirección e Xestión Pública, el conselleiro de Educación y el rector de la Universidade de Vigo, este martes, en una clase de la nueva facultad
O decano de Dirección e Xestión Pública, o conselleiro de Educación e o reitor da Universidade de Vigo, este martes, nunha clase da nova facultade Ramón Leiro

O reitor subliña que a opción do Hospital Provincial obriga a facer un estudo máis amplo para «varias pezas que hai que ubicar en varios lugares»

31 ene 2023 . Actualizado ás 22:25 h.

A Universidade de Vigo confirmou este martes no campus de Pontevedra a súa decidida aposta por impulsar a construción dunha residencia de estudantes na cidade, a primeira pública. Así o expuxo o reitor, Manuel Reigosa, antes de visitar, xunto ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a Facultade de Dirección e Xestión Pública. A preguntas dos xornalistas, Reigosa referiuse ás posibilidades que se abren para o campus se finalmente prospera a posibilidade, que está en estudo, de que o Hospital Provincial pase a ser equipamento universitario. «Para nós, eu xa o manifestei claramente, é magnífico contar con esas instalacións, que están moi ben ubicadas dentro da cidade e que nos permitirían seguir contribuíndo ao crecemento do campus, que é moi atractivo para o alumnado», expuxo. O reitor falou do futuro desenvolvemento do campus e da creación do novo grao en Deseño. Aludiu a que se están estudando outras opcións como unha residencia de estudantes e a ocupación dos terreos de Tafisa, que agarda a Universidade que se concrete en breve: «Contar co edificio do Hospital Provincial sería fantástico. Non hai nada pechado», dixo, tras adiantar que está convocado un consello de campus para abordar todas estas cuestións.

A ideal inicial era que tanto Deseño como Dirección e Xestión Pública situásense nun novo edificio modular en Tafisa, pero a opción do Provincial obriga a ter unha visión máis xeral: «Temos varias pezas que ubicar en varios lugares dentro de Pontevedra, todos eles moi ben situados, e sería pronto para dicir que título se move a cal ubicación». Reigosa confirmou que moito antes de que o portavoz do PP de Pontevedra lanzase a súa proposta electoral para o uso universitario do Provincial, xa había conversacións coa Xunta, propietaria do inmoble hospitalario.

O conselleiro de Educación ratificou as palabras do reitor ao 100 %. Subliñou que o Provincial é un edificio emblemático cun gran volume e situado no centro da cidade. «Coa posta en marcha do Gran Montecelo, que vai supor que servizos que estaban aí se despracen, a reutilización dese servizo para uso universitario creo que é unha boa proposta que haberá que estudar, definir, avaliar... Non é inmediata, pero o importante é que haxa unha conxunción de intereses», sinalou Román Rodríguez. Sobre Sanidade, sinalou que esta consellería tamén é consciente da proposta «e obviamente tamén está a favor. Temos unha boa semilla, unha boa terra e temos ganas de que a árbore fructifique».

Sobre esa futura residencia universitaria, o reitor adiantou que a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, está cos traballos previos para saber cales son as necesidades reais e a mellor localización. No entanto, desde a Universidade apuntouse que é certo que o de Pontevedra é un campus que ten moito atractivo para o alumnado e que hai unha alta porcentaxe de estudantes que residen fóra. Esa falta de residencia pódese ver, dixo Reigosa, como «unha eiva do campus». Se frutifican os plans de futuro, a institución disporá de metros cadrados tanto en Tafisa como no Provincial. «Creo que vai pagar a pena, non podo adiantar que imos facelo xa, pero dentro dese estudo global do desenvolvemento futuro do campus contamos con incluír unha residencia universitaria», asegurou Reigosa. A opción do Provincial non deixa sen efecto a cesión por parte do Concello de Pontevedra dunha parcela nos antigos terreos de Tafisa. Reigosa deixou moi claro que a institución segue necesitando os terreos de Tafisa.

Experiencia innovadora de Dirección e Xestión Pública  

Román Rodríguez destacou a experiencia innovadora de Dirección e Xestión Pública no ámbito da docencia. Sinalou que se trata dunha facultade recentemente creada, de pequeno tamaño, pero que aposta por dar un impulso internacional cunha modalidade virtual do grao. «É unha práctica innovadora e cuasi pioneira en Galicia e quero ver directamente como vai funcionar», sinalou. Esa docencia virtual é unha especie de experimento, dixo o reitor, para atraer alumnado internacional.