Maica Larriba resalta que os datos contradín as teses dos negacionistas da violencia de xénero

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CAPOTILLO

No primeiro trimestre do ano as condenas dirixíronse contra 5.320 homes fronte a 68 mulleres

02 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

No transcurso da terceira e última xornada formativa en torno A violencia de xénero no ámbito xudicial, que se celebrou na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, a subdelegada do Goberno en Pontevedra defendeu que os datos poñen en evidencia aos negacionistas da violencia de xénero. Así, ante un auditorio composto por preto de medio centenar de profesionais dos ámbitos xudicial, policial e social, Maica Larriba incidiu en que, segundo as estatísticas do Poder Xudicial, no segundo trimestre deste ano «as denuncias por violencia de xénero en España superaron a cifra das 40.000, o que supón un incremento do 20 % sobre os mesmos datos do ano anterior, que coincidiu co final do Estado de Alarma e o confinamento».

De igual modo, remarcou que máis do 60 % destas denuncias foron relativas a lesións e malos tratos, mentres que un 10 % referíronse a quebrantamentos de medidas de protección e un 8 % a quebrantamentos de condenas. Trátase, segundo expuxo Larriba, de porcentaxes que «demostran a verdadeira realidade no noso país e que contrastan coas afirmacións daqueles que negan a violencia de xénero», recalcou.

Larriba, de igual modo, apuntou que as condenas durante este período de tempo dirixíronse contra 5.320 homes fronte a 68 mulleres, de tal modo que nove de cada dez «homes axuizados resultan condenados». Así mesmo, sinalou que o 1,1 % das ordes de protección buscan protexer a menores de idade.