Falece en Montecelo un home de 85 anos por covid, primeira vítima de maio en Pontevedra

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CAPOTILLO

O home, que estaba ingresado en Montecelo con patoloxías previas, eleva a cifra de mortes na área sanitaria a 174

14 may 2021 . Actualizado ás 09:00 h.

A pesar da baixada no número de casos activos e hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a última hora deste xoves o Sergas informou o falecemento por covid dun home de 85 anos. É a primea morte do mes de maio por este virus en Montecelo. O home estaba ingresado no hospital pontevedrés e segundo informa a Consellería de Sanidade tiña patoloxías previas. O seu falecemento sumar ao doutro muller, tamén de 85 anos, ingresada no Chuac.

O informe do Sergas deste xoves rexistra 474 infeccións activas. Son dez menos que as reportadas o mércores e nas últimas 24 horas déronse 39 altas epidemiolóxicas, o que deixa a cifra de novos contagios en 29, os mesmos que a xornada anterior. Fixéronse no último día 1.084 PCR, recuperando o número elevado de probas diagnósticas. En canto ás persoas que necesitan atención no hospital, son 34 os ingresados, tres menos. En concreto, aténdese a 26 en planta de dous centros (15 en Montecelo e 11 no comarcal do Salnés) e a 8 enfermos graves na unidade de coidados intensivos (uci) do principal hospital do Chop.

O groso das persoas infectadas da área de saúde, 440, están en illamento nos seus domicilios baixo supervisión de persoal de atención primaria ao presentar síntomas menores da enfermidade ou ser asintomáticos. En catorce meses de pandemia os curados son xa 13.326, mentres que os falecidos foron 174. O total acumulado de probas PCR é de 225.372.

En canto á incidencia acumulada, o mapa de Sanidade mantén a Cambados como único municipio con máis de 500 casos por cen mil habitantes, aínda que parece que xa tocou teito e empeza a baixar. Rexistra 88 positivos en 14 días, dos que 32 foron na última semana. A súa incidencia baixa e está agora en 641 a 14 días e en 233, a 7 días. Cerdedo-Cotobade e Vilanova de Arousa están na pinza de 250 a 500 casos. En ambos os casos segue subindo a incidencia. En Cerdedo-Cotobade, con 16 casos en 14 días, fíxose onte un cribado.

Catro concellos están no rango de 150 a 250 casos. Son Marín, Cuntis, Ponte Caldelas e Soutomaior. O groso dos concellos están na pinza de 50 a 150. Ademais de Pontevedra e Vilagarcía, as dúas cidades da área de saúde, están Barro, Caldas de Reis, Moraña, Campo Lameiro, Bueu, Catoira ou Meaño. Mellor evolución presentan Poio e Sanxenxo, con entre 25 e 50 casos por cen mil. 

Finalmente, en tres localidades non se detectaron novos positivos nas últimas 7 xornadas. Son Vilaboa, O Grove e Ribadumia. Noutros catro, Portas, Forcarei, A Lama e Meis, os seus veciños levan libres de covid 14 días.

Centros educativos

O informe diario sobre a incidencia en centros educativos da área de saúde rexistra este xoves 107 positivos (+6) e catro aulas pechadas (+2). As clases sen actividade presencial están en Pontevedra. Trátase das escolas infantís Bamby e O Toxo, da cidade. En ambas só hai un caso. As outros dúas aulas localízanse no IES de Cotobade e o CEIP de Seixo, en Marín. O centro con máis positivos segue sendo o CEIP de San Roque, en Vilanova, con 14 casos, seguido do CEIP San Tomei e o IES Francisco Asorey, de Cambados, os dous con 6.

Citados para vacinarse

Respecto da vacinación contra o covid, a planificación para este xoves comprende 1.800 convocados menores de 60 anos para recibir a primeira dose de Pfizer no recinto feiral de Pontevedra. Pola tarde serán outros 599. No caso de Fexdega, en Vilagarcía, só haberá picadas pola mañá, cando están citadas 799 persoas menores de 60 anos para recibir o mesmo soro de Pfizer.