Minuto de silencio en Pontevedra polos sanitarios mortos polo covid

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Sergas

A homenaxe tivo lugar no recinto feiral da cidade en pleno proceso de vacinación e coincidindo co Día Internacional da Enfermería

12 may 2021 . Actualizado ás 12:36 h.

Pontevedra sumouse este mércores ao Día Internacional da Enfermería en plena vacinación contra o covid. O equipo que inocula no recinto feiral gardou un minuto de silencio ás doce da mañá en recordo aos sanitarios que faleceron polo virus e en homenaxe a quen segue loitando contra a pandemia. O persoal de enfermería respondeu á convocatoria realizada polo Consello Xeral de Enfermería en toda España. Coincidindo con este día, o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e o director de Enfermería, Juan Alberto Vázquez, desprazáronse ao recinto feiral como mostra de apoio e recoñecemento.

Juan Vázquez destacou o soporte á campaña de vacinación que dan os enfermeiros. Este mércores están citadas 4.000 persoas de 70 a 79 anos para recibir a segunda dose de Pfizer. Pola súa banda, o xerente afirmou que en sanidade o Día da Enfermería son as 365 xornadas do ano. «O labor da enfermería é absolutamente imprescindible non só en pandemia senón en calquera momento da sanidade, sen ela non funcionaría», dixo. José Ramón Gómez subliñou que onte se superou a cifra das cen mil persoas da área sanitaria con polo menos unha dose. Son en concreto 101.587, máis dun terzo da poboación de referencia. Delas, 57.874 recibiron unha dose, e 43.713 as dúas, co que teñen a pauta completa.