A área sanitaria, un mes despois: 1.716 casos menos

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

Os pacientes críticos de covid pasaron de 35 a 12. Á espera do comité clínico, Soutomaior supera os 500 de incidencia

02 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Todos os concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés están pendentes da decisión que adopte hoxe o comité clínico. De entrada, a evolución epidemiolóxica é favorable, coa excepción de Soutomaior, que con 40 casos de covid diagnosticados nos últimos catorce días supera os 500 de incidencia acumulada por cen mil habitantes. Hai outros cinco concellos -Marín, Vilanova, Cambados, Ponte Caldelas e Vilaboa- que estaban onte na pinza de máis de 250 e menos de 500, da que saíron Cuntis e A Lama.

Ademais da incidencia acumulada pesa na decisión dos especialistas a presión hospitalaria, en especial a ocupación das camas de críticos. Este luns había na área 60 pacientes hospitalizados en dous centros, dos que 12 trátanse na uci. Son dous pacientes críticos menos que o domingo, pero son dous máis que as camas específicas de uci que ten Montecelo. Hospital onde segue habendo dúas unidades de críticos, a uci convencional e a unidade de reanimación -chegou a haber catro e a ter que derivar pacientes a Vigo-. En todo caso, a evolución que seguiu a área e, en especial, a cidade de Pontevedra no último mes é favorable.

Abonda botar man das cifras. O 1 de febreiro Pontevedra e O Salnés rexistraba 2.469 casos activos. Onte eran 753, son 1.716 infeccións menos. Os novos contagios eran, aquel luns de febreiro, 116, mentres que un mes despois se sumaron só 23. Respecto das persoas ingresadas nos hospitais, había o 1 de febreiro 162, das que 31 estaban en unidades de críticos. Unha cifra, a dos enfermos máis graves, que subía á marca de 35 en toda a pandemia coa actualización que facía aquel mesmo luns a directora asistencial da área, Sonia Fernández-Arruty.

O 5 de febreiro tocouse teito

Na cidade, hai un mes os casos activos eran 585 e estábase nunha escalada que non tivo fin ata o 5 de febreiro, cando se tocou o teito da pandemia con 616. Onte eran 180 as infeccións activas, unha menos que o domingo. Con elas, a incidencia acumulada a catorce días sitúase na capital en 172. Case se cumpren os criterios para que a área sanitaria suavice as súas actuais restricións (nivel 2) e poida ampliar mobilidade e permitir á hostalería servir no interior cun 30 % da súa capacidade. A última palabra tena o comité.

Trece positivos no cribado de Marín e 53 mostras sen procesar

O cribado poboacional máis grande dos realizados ata agora na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa ten resultados. Desenvolveuse en Marín entre os días 23 e 27 de febreiro e estaban convocados 12.763 veciños de 30 a 65 anoss. Cantos positivos detectáronse? Foron finalmente 13 casos os destapados e participaron un 67 % dos citados (8.538).

Desde o Sergas apuntan que tanto aos 13 positivos como a outros 53 casos nos que non se puido procesar a mostra volveráselles a citar para realizar unha PCR. Eses 53 casos que non se analizaron foi por volume insuficiente de saliva, por viscosidade excesiva ou por ser mostras sen rexistro. O cribado de Marín, un municipio que ten unha incidencia acumulada a catorce día de 288 casos, desenvolveuse no aparcadoiro situado entre a Escola Naval e o porto. Catorce profesionais, coordinados por un médico, foron os encargados de entregar os tubos de saliva e de informar os usuarios. As mostras depositadas procesáronse no servizo de microbioloxía da área sanitaria de Vigo.

Marín tiña onte 83 casos activos de covid, catro menos que odomingo . É o segundo municipio con máis positivos da comarca tras os 180 de Pontevedra.